A Xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, recibe o premio EPF ao mellor xestor hospitalario 2018
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 11 2018

Santiago, 21 novembro de 2018.- O Instituto de Investigación y Desarrollo Social de Enfermedades Poco Frecuentes ven de facer públicos os premiados nos seus galardóns anuais na súa décima edición https://www.pocofrecuentes.org/. Nesta edición, a xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, foi recoñecida como o Mellor Xestor Hospitalario 2018, nun galardón compartido coa xerente do Hospital 12 de Octubre de Madrid, Carmen Martínez. O acto de entrega terá lugar este sábado en Madrid.

 

 
Segundo a organización con estes premios buscan un “recoñecemento a aqueles profesionais, institucións e persoas que co seu esforzo e apoio merecen unha mención polo seu traballo e dedicación a estas patoloxías” pouco frecuentes.
 
Como figura na súa páxina web “o Instituto de Investigación y Desarrollo Social de Enfermedades Poco Frecuentes (INDEPF) xurde como institución sen ánimo de lucro no ano 2014 da motivación de crear un marco colaborativo e integral entre os servizos sanitarios, sociais e asistenciais das Enfermidades Pouco Frecuentes ( EPF)”.
 
Esta estrutura coordinada con base multidisciplinar das EPF e Crónicas “facilita unha malla de servizos e colaboracións sociosanitarias na que están implicados diferentes axentes activos, profesionais e pacientes. O obxectivo xeral desta entidade consiste en definir e fomentar un modelo socio-sanitario das EPF, á vez que asimilar, transmitir e aplicar conceptos como o de Humanización do sistema sanitario, mellorar a calidade de vida dos pacientes e, polo tanto, das súas familias”.
 
Santiago, referencia Europea e Nacional
A área sanitaria de Santiago de Compostela é líder no diagnóstico e tratamento das enfermidades raras ou minoritarias. Foi designada Centro Experto Europeo pola Comisión Europea en 2017. As ERNs (Red Europea de Referencia) son unha nova aposta da Comisión Europea para unir centros sanitarios cunha alta especialización en determinadas enfermidades raras. Xorden da solicitude das federacións europeas de pacientes con enfermidades raras para acadar un sistema que permita ás persoas de calquera parte da UE ser diagnosticadas e tratadas coas máximas garantías. Enmarcadas dentro da directiva da Unión Europea relativa aos dereitos dos pacientes na asistencia transfronteiriza, os centros expertos serven como polos de investigación e coñecemento para a atención ás enfermidades raras en cidadáns de diferentes países da UE, garantindo a dispoñibilidade dos tratamentos necesarios independentemente da procedencia do paciente.
 
 
UDyTEMC
A UDyTEMC (Unidade de Diagnóstico e Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas) da Xerencia Integrada de Santiago, creada en 1978 e designada CSUR polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade en 2015, presta atención continuada a preto de 450 doentes con enfermidade metabólica hereditaria, con máis de 40 novos diagnósticos por ano. Para iso conta cun equipo multidisciplinar de pediatras, internistas, neuropediatras, psicólogos, dietistas e bioquímicos de laboratorio metabólico.
 
As enfermidades metabólicas conxénitas son enfermidades raras, que teñen unha base xenética, con moi pouca prevaleza, e que aglutina unhas 700 enfermidades diferentes. A máis prevalente e coñecida é a fenilcetonuria, en Galicia hai máis de 100 doentes: trátase dunha enfermidade do metabolismo cuxo principal tratamento consiste en manter restricións dietéticas moi estritas. Se se seguen estas pautas serán persoas sas, o descoñecemento ou incumprimento das indicacións pode derivar en complicacións graves, mesmo atraso mental.
 
Enfermidades raras
En Europa considérase enfermidade rara aquela que afecta a 5 ou menos persoas por cada 10.000 habitantes. Preto de 8.000 enfermidades contan coa definición de enfermidades raras polo que, agrupadas todas, afectan a 1 de cada 17 persoas.
 
 

 

Saúdos

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss