Arranca o consello asesor de pacientes da Área de Santiago de Compostela e a Barbanza con 27 asociacións
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 12 2018
 

Santiago, 10 de decembro de 2018.- O Consello Asesor de Pacientes da Área de Compostela e da Barbanza arrancou esta mañá coa adhesión de 27 asociacións de doentes, nunha reunión celebrada no salón de actos do Hospital Clínico Universitario, presidida pola Xerente da XXIS, Eloína Núñez Masid, e na que a subdirectora de calidade e atención ao doente da XXIS, Beatriz Pais Iglesias, presentou o documento de Composición e Réxime de Funcionamento do Consello Asesor da Área.

O Consello Asesor de Pacientes trátase dun órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde que nace coa finalidade de mellorar a seguridade dos e das pacientes, dos seus familiares e das persoas coidadoras, fomentando os niveis de participación e facilitándolles aos e ás pacientes a información necesaria para a toma de decisións. Entre os obxectivos incluídos na estratexia do Sergas 2020, en cuxa elaboración participaron as/os doentes a través das asociacións que os representan, incídese na concesión aos e ás pacientes de maiores cotas de poder, dándolles formación e información, para así axudalos a mellorar o seu estado de saúde. Tamén se fai fincapé en incrementar, nas persoas usuarias do servizo galego de saúde, o sentimento de propiedade e de corresponsabilidade na xestión do Sistema público de saúde de Galicia.

A participación da cidadanía na xestión do sistema público de saúde de Galicia constitúe, ademais dun valor social , un instrumento de cooperación e información para a mellora da saúde e do benestar do usuario. É por iso que, contar coa coa participación a través das asociacións de pacientes é unha forma de poder coñecer de primeira man as súas necesidades polo que á saúde e ao seu coidado se refire, así como a percepción que teñen do funcionamento do sistema público de saúde de Galicia. En definitiva, trátase de avanzar na mellora da calidade da asistencia sanitaria, neste caso, a través da implicación das persoas destinatarias para mellorar o coidado da súa saúde e optimizar o uso dos recursos humanos e técnicos que o sistema público de saúde de Galicia pon en cada momento ao seu dispor.

Os consellos asesores de pacientes de área, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia do 31 de outubro de 2018, están compostos por unha presidencia, varias vogalías e unha secretaría. A presidencia do consello corresponderalle á xerente. A secretaría estará desempeñada pola subdirección de calidade e atención ao paciente, e as vogalías conformaranse cos titulares dos órganos unipersoais de dirección da xerencia e un representante de cada unha das asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolven a súa actividade principalmente no ámbito territorial de cada área sanitaria.

As funcións do consello son asesorar sobre os aspectos, actividades, procedementos ou servizos que teñan impacto sobre as condicións da asistencia sanitaria, prevención da enfermidade e mellora da saúde e autonomía persoal que, con carácter xeral, afecten aos e ás pacientes, así como ás familias e ás persoas físicas ou xurídicas; colaborar nos termos e condicións que se acorden sobre os contidos das guías de información dirixidas aos /ous ás pacientes que, dalgún modo, lles afecten; mellorar a seguridade, colaborar no deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionalidade e realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidado dos e das pacientes.

Logo da primeira reunión informativa, realizada o 26 de novembro na que se informou dos requisitos e obxectivos, hoxe quedou constituído o consello asesor de pacientes que arrancou coa adhesión de 27 asociacións:

Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares (ASEM); Asociación de Artrite de Santiago (CONARTRITIS); Asoc. Transplantado de Medula Ósea (ASOTRAME);
Asociación de Familias de nenos prematuros (AGAPREM); Unido Galega de Epilepsía (UGADE); Federación Autismo Galicia; Asociación Galega de Linfedema; Asociación Usuarios CHUS; Asociación para a Loita Contra Enfermidades de Ril (ALCER); Asociación de Pais de Persoas con Trastorno Espectro Autista (ASPANAES); Asociación Galega de Lupus (AGAL); Asociación Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS); Asociación Compostela de Esclerose Múltiple (ACEM); Asociación Fademga Galicia (FADEMGA); Ambar centro de Recursos da Barbanza: Asociación por Saúde Mental A Creba (ACREBA); COGAMI; Liga Reumatolóxica Galega (LRG); Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía da CHUS (AUSO); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC); Asociación Galega contra o Cancro (AECC); Asociación de Chron e Colite Ulcerosa (ACCU); Asociación Galega de Nenos oncolóxicos (ASANOG); Asociación de Dano Cerebral Compostela (SARELA); Asociación Antidroga Renacer; Asociación Galega de Alzheimer (AGADEA); Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO).


 

Saúdos
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss