A Xerencia Integrada de Santiago participa en 10 ensaios clínicos na busca de mellores tratamentos para o cancro infantil
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
15 02 2019

Santiago, de 15 de febreiro de 2019.- O Día internacional do neno con cancro conmemórase hoxe e a Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (ASANOG) organizou no patio central do Hospital Clínico de Santiago un evento lúdico reivindicativo que contou coa actuación dun grupo de intérpretes da Real Filharmonía de Galicia, mentres que a lectura do manifesto correu a cargo de Borja Balbuena, ex-doente de 21 anos. No acto participaron a xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez Masid, a subdirectora de Calidade e Atención ao Doente, Beatriz Pais, o xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón, a Oncóloga pediátrica Alexandra Regueira e a vicepresidenta de ASANOG, Catalina Cadaya, ademais de numerosos traballadores, doentes e familiares convidados por ASANOG.

 

Segundo o Rexistro Nacional de Tumores Infantís, cada ano diagnostícanse en España ao redor de 1.100 casos novos de cancro en pacientes de entre 0 e 14 anos e máis de 400 en adolescentes (15-19 anos). En Galicia diagnosticáronse o pasado ano ao redor de 80 casos novos de cancro infantil. Aínda que se trata dunha patoloxía pouco frecuente, supón un gran impacto sobre as familias e é un importante problema de saúde. Por tipos de tumores, a leucemia aguda é o cancro infantil máis frecuente, seguido dos tumores do sistema nervioso central.
O cancro é a primeira causa de morte por enfermidade en nenos, pero a supervivencia aos 5 anos cada día é maior, sendo de forma global do 78% (porcentaxe variable en función do tipo de cancro). Sen embargo, o crecente número de sobreviventes conforma unha poboación en risco de sufrir secuelas e problemas de saúde asociados. Actualmente, o cancro infantil non ten prevención posible.
Para mellorar a supervivencia – subliñou a xerente sanitaria compostelá- o máis importante é a prontitude no diagnóstico e o tratamento en unidades asistenciais con experiencia e equipos multidisciplinares. A atención destes pacientes debe ser integral, incluíndo información, tratamento completo, atención psicolóxica ao neno e á súa familia, e apoio social”, tal e como a desenvolven os profesionais do Hospital Clínico de Santiago.
O CHUS atendeu nos últimos catro anos 103 novos casos de nenos con cancro, dos que 52 eran da área sanitaria compostelá, os outros rapaces proviñan de outros puntos de Galicia, 18 da área de Pontevedra/Salnés, para o que Oncoloxía Pediatría do Hospital Clínico é referencia global e 33 das outras zonas galegas. Os profesionais sanitarios do Hospital Clínico de Santiago contan co máis completo arsenal terapéutico para o tratamento dos doentes, entre o que figura a participación en 10 ensaios clínicos internacionais, a máis ampla entre os centros galegos.
Ademais, na área compostelá realízanse todos os transplantes de medula da poboación pediátrica de Galicia, dos que nos últimos seis anos realizáronse 60, trátase dunha terapia empregada tanto para enfermidades oncolóxicas como para outro tipo de patoloxías (inmunodeficiencias, fallos medulares e enfermidades metabólicas).
Pacientes novos ano atendidos no CHUS
Total
Santiago
Pontevedra
Resto Galicia
2015
21
10
4
7
2016
25
10
6
9
2017
24
13
4
7
2018
33
19
4
10
Transplantes de Medula pediátricos no CHUS, referencia para toda Galicia
 
total
2013
2014
2015
2016
2017       2018
60
13
13
8
6
7                13
Posteriormente ao acto, na Aula de Pediatría procedeuse á entrega de material de fisioterapia e rehabilitación que acadou ASANOG coa axuda da Obra Social La Caixa e que poñen a disposición do equipo de Pediatría do Clínico para poder atender mellor as necesidades de recuperación dos nenos oncolóxicos con longas estadías hospitalarias.
ASANOG defínese como unha asociación sen ánimo de lucro que busca, segundo define nos seus estatutos, contribuír ao mellor estado dos nenos oncolóxicos e os seus familiares; fomentar que os menores enfermos con cancro tratados na comunidade galega teñan as mellores oportunidades de diagnóstico; traballar para que o desenvolvemento efectivo e educativo dos nenos e os seus familiares sexa o máis axeitado; colaborar no mellor coñecemento destas enfermidades e os seus tratamentos ou fomentar a investigación dos problemas socio-económicos e a formación dos profesionais da atención oncolóxica pediátrica na atención multidisciplinar do neno e a súa familia.

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss