Almuiña visita as obras de reforma e ampliación do centro de saúde da Illa de Arousa que contan cun orzamento de 485.000 euros
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 02 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou esta mañá as obras de reforma e ampliación do centro de saúde da Illa de Arousa (Pontevedra), que contan cun orzamento total de 484.476 euros e que están próximas ao seu remate.

As obras son o resultado dun acordo asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de A Illa de Arousa para mellorar as condicións de accesibilidade do centro sanitario e favorecer unha maior independencia funcional dos usuarios.
 
A superficie do centro de saúde era de 402 metros cadrados. A obra supón a intervención nun total de 346 metros cadrados construídos -entre mellora e ampliación- polo que esta infraestrutura aumentará a súa superficie ata acadar os 532 metros cadrados, o que supón una ampliación do 28%.
 
A obra contempla diversas melloras en accesibilidade e ordenación e ampliación de espazos. Así, dotarase cun novo acceso xeral ao centro a nivel de rúa, que permita independizar ó centro de saúde e as oficinas do Instituto Social da Mariña (ISM) que comparten edificio, cun novo posto de control. Un dos obxectivos técnicos desta reforma é lograr unha delimitación dos espazos asistenciais do centro de saúde ao marxe do resto de locais e usos do edificio, con espazos e percorridos máis racionais, amplos e accesibles. Ademais incorporarase unha nova área de pediatría no andar baixo e un local para efectuar técnicas asistenciais diversas.
 
De xeito complementario, esta obra de reforma contempla a construción dunha nova escaleira e a dotación dun ascensor. Os espazos do andar primeiro sometéronse a un proceso arquitectónico de reordenación e ampliación, con tres salas de espera independentes, tres consultas médicas, dúas consultas para enfermería, unha sala de extraccións e un almacén. O orzamento de adxudicación desta obra de ampliación e mellora foi de 342.869 euros.
 
A esta cantidade hai que engadir 86.607 euros para a substitución dos elementos da cuberta deteriorados para eliminar as filtracións da auga que se están realizando na actualidade. O orzamento complétase cun investimento de 55.000 euros en equipamentos.
 
O centro de saúde da Illa de Arousa da cobertura a un total de 4.603 tarxetas sanitarias, das que 465 son de menores de 15 anos. A poboación deste concello reduciuse non 5,5% nos últimos 10 anos.
A mellora e modernización das infraestruturas en atención primaria é unha prioridade para a Xunta de Galicia. O Servizo Galego de Saúde traballa para poñer á disposición da cidadanía galega infraestruturas modernas, con capacidade de resolución de alto nivel de calidade e no lugar máis próximo ao paciente como é a atención primaria.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss