O CHUF CONTA CUNHA CONSULTA MONOGRÁFICA DE ASMA QUE ATENDE OS CASOS MÁIS COMPLEXOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática do Sergas Lectura automática
» Axuda
.
07 05 2019

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol conta cunha consulta monográfica sobre asma dende hai un ano e medio, no Hospital Naval. Nesta consulta, vense unha media de vinte pacientes semanais con asmas difíciles derivados polos propios especialistas en Pneumoloxía para un seguimento e tratamentos máis complexos. Son casos de asma moi sintomáticos, con exacerbacións (empeoramentos), e nos que a asma persiste a pesar de seguir un tratamento axeitado e facelo correctamente.
 

A asma é unha enfermidade respiratoria inflamatoria crónica que se caracteriza polo estreitamento variable e inflamación dos bronquios. As principais síntomas da enfermidade soen producirse ó realizar exercicio físico, polas noites, ou tras respirar un alérxeno ou substancias do medio ambiente que provocan estas síntomas; dificultade para respirar, tose, pitos ou ruídos no peito, opresión ou sensación tirante no peito. A asma pódese controlar e, para iso, é necesario realizar correctamente o seu tratamento e evitar desencadeantes. Para diminuír a inflamación e para aliviar as síntomas empréganse antiinflamatorios e broncodilatadores.
 

Neste senso, e polo Día Mundial da Asma, os especialistas en Pneumoloxía sumábanse ó proxecto En asma o cero conta; para darlle visibilidade á enfermidade e á importancia dos seus coidados, e chegar a cero exacerbacións. O especialista do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e responsable da consulta monográfica de asma, Uxío Calvo Álvarez, informaba esta mañá á poboación ferrolá nunha mesa no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo. Este especialista subliñaba a enorme importancia “da adherencia ó tratamento”. Nas enfermidades crónicas como esta, “moitas veces, cando as síntomas remiten, abandónanse os tratamentos, e isto é o que se debe evitar. Coa medicación administrada correctamente, a enfermidade está controlada na maioría dos casos”, remarca.
 

Educación sanitaria e consulta monográfica nova
Esta enfermidade inflamatoria crónica, a asma, supón o 30% do total das enfermidades respiratorias. Afecta a entre un 5% e un 15% da poboación, e moitos dos casos están sen diagnosticar, de aí a importancia deste día para darlle visibilidade e recoñecela. A maior parte das persoas diagnosticadas son seguidas polos profesionais dos centros de saúde. Ás consultas de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario chegan os casos “máis graves ou que ofrecen dúbidas diagnósticas ós que se lles realizan probas complementarias e seguimento”.
 

“Algo moi importante -destaca este profesional neste día- é que os tratamentos, fundamentalmente os inhaladores, se consensúan cos pacientes”. Na actualidade, existe unha ampla variedade de dispositivos e inhaladores e, xunto con profesionais de Enfermaría, faise “educación sanitaria”, e escóllese conxuntamente o tratamento que máis se axusta a cada caso.
 

Ademais, no caso do Complexo Hospitalario Universitario, dende outubro de 2017, a poboación da área sanitaria ferrolá conta tamén cunha consulta monográfica de asma, no Hospital Naval do Complexo, onde se ve unha media de 20 pacientes á semana. Son casos nos que a asma persiste pese a facer un seguimento correcto da enfermidade e un emprego axeitado dos tratamentos. “Aquí valoramos os casos de asmáticos máis graves e vemos as distintas alternativas de tratamento”, explica Uxío Calvo.
 

“Existen tratamentos biolóxicos, que se administran na maioría dos casos mensualmente de forma subcutánea no Hospital de Día Médicos, buscando a regulación da inmunidade do paciente, e, consecuentemente, unha baixada da inflamación bronquial”, explica, con vistas a intentar evitar as mencionadas exacerbacións e episodios de empeoramento. Son pacientes concretos que responden a unha serie de criterios protocolizados, en base a estudos de células en sangue (eosinófilos) e niveles de inmunoglobulina (IgE), e que non responden a outro tipo de tratamentos. “Por sorte o tratamento con inhaladores resolve a maior parte dos casos”, reitera.
 

Nesta consulta especializada, fanse tamén reavaliacións de casos e estudos dos mesmos en base a eses protocolos establecidos. Neste senso, explican, a existencia destas consultas especializadas ten amosado o incremento da calidade de asistencia e a melloría dos pacientes. No caso de Pneumoloxía do Complexo existen sete consultas monográficas: a da asbestose, a de neo de pulmón,a de ventilación, a de Ela, a de tabaquismo a de enfermidade pulmonar intersticial difusa e a de asma.
 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss