Sanidade reforza as inspeccións nos establecementos de restauración colectiva no marco dunha nova campaña especial
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 06 2019
​A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, está a reforzar o control oficial nos establecementos de restauración colectiva cunha campaña especial. A finalidade desta actuación é verificar que estes locais cumpran coa normativa vixente e, deste xeito, garantir aos cidadáns o servizo máis seguro posible.
 
Esta é a cuarta campaña de control oficial na restauración colectiva que promove a Dirección Xeral de Saúde Pública. A campaña iniciouse o pasado día 1 de xuño e prolongaranse ata o vindeiro 31 de xuño, ambos os dous días inclusive, tanto en xornada de mañá como de tarde. Os encargados de realizar os controis serán o 100% dos inspectores totais de cada zona veterinaria.
 
Serán obxecto desta campaña todos os establecementos de restauración social, establecementos de restauración comercial con comedor independente (como restaurantes, cafeterías, bufete-autoservizo, servizo a domicilio, comida rápida, entre outros) e establecementos de restauración comercial sen comedor independente, é dicir, aqueles que serven tapas, racións ou pinchos. Tamén serán obxecto desta campaña especial de restauración colectiva aqueles establecementos non rexistrados que se detecten no transcurso da mesma.
 
Os inspectores comprobarán especificamente as condicións xerais de hixiene do establecemento, as condicións estruturais e as condicións operacionais. Neste senso, prestarase especial atención á rastrexabilidade das materias primas empregadas (provedores rexistrados e autorizados) e, sobre todo, a rastrexabilidade dos moluscos e queixos; a non utilización de envases reenchidos para o aceite, a augardente ou con outros outros licores, así como a verificación da orixe e do etiquetado doutras bebidas alcohólicas, e a correcta información alimentaria facilitada ao consumidor, principalmente relacionada cos alérxenos.
 
Tamén, no marco desta campaña oficial, continuarase verificando os datos do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) no que, dende  o ano 2012, deben estar inscritos todos os establecementos de venda polo miúdo.
 
Resultados da campaña anterior
Durante a última campaña especial, realizada entre o 9 e o 20 de abril do pasado ano, leváronse a cabo 1.391 visitas de inspección, delas o 44% foi en restauración colectiva sen comedor, o 45% en restauración colectiva con comedor independente e o 11% en restauración social. Os inspectores detectaron un total de 600 establecementos con  incumprimentos, máis da metade foron en locais de restauración colectiva con comedor independente.
 
No 44% dos establecementos inspeccionados detectáronse incumprimentos nas condicións xerais de hixiene. No 43% do total de locais de restauración inspeccionados atopáronse incumprimentos respecto á información ao consumidor. O máis frecuente son as non conformidades en relación á información sobre alérxenos, que ese atopan no 29% dos establecementos inspeccionados. Tamén se atoparon incumprimentos nas condicións estruturais (no 25%) e na formación dos operarios (no 21%  dos establecementos inspeccionados).
 
Dentro dos incumprimentos de rastrexabilidade, atopáronse un 15% dos locais con estas infraccións, sendo os de restauración colectiva con comedor, de novo, os que  acadan unha maior porcentaxe (19%) e os de restauración social onde menos (3%). Finalmente, no 11% dos establecementos inspeccionados detectáronse envases reutilizados.
 
As medidas tomadas durante a pasada campaña incluíron 695 requerimentos de subsanación, 17 suspensións cautelares, 76 inmobilizacións de produto e 20 expedientes sancionadores. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss