A unidade de mama do HULA recibe a certificación de calidade de AENOR pola súa xestión de riscos
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
04 06 2019

​Lugo, 4 de xuño de 2019.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu esta mañá o acto de entrega da certificación de AENOR na norma UNE 179003 de xestión de riscos á Unidade de Mama do Hospital Universitario Lucus Augusti. Dita certificación supón un recoñecemento á calidade da política de xestión de riscos implantada e desenvolvida nesta unidade e garante que as súas actividades teñen en conta un alto estándar de calidade en canto a prevención e protección das pacientes. A Unidade de Mama do HULA é a primeira de Galicia en obter esta certificación de calidade.

No acto, o titular da carteira sanitaria destacou que “esta é unha certificación especial para nós, posto que o Sergas participou na pilotaxe desta norma española antes da súa implantación”.

 
Almuiña remarcou que, na actualidade, “temos 13 certificacións en toda Galicia, 5 na área de Lugo, que avalan a calidade dos nosos profesionais do sistema galego de saúde e do hospital lucense”.

 

Metodoloxía de traballo eficiente

A Unidade de Mama do HULA iniciou, no mes de febreiro do pasado ano, o proceso ante a Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), para conseguir esta acreditación de calidade en xestión de riscos. Tras pasar unha auditoría interna coa rede de auditores do Sergas e dúas auditorías externas de AENOR, no pasado mes de novembro a citada entidade confirmou a adecuación do traballo da Unidade de Mama á Norma UNE 179003 e, polo tanto, a concesión da acreditación de calidade xestión de riscos.
 
Conscientes de que no seu funcionamento diario as pacientes poden estar expostas a riscos, os profesionais da Unidade de Mama consideraron necesario traballar de xeito protocolizado e proactivo, de modo que se podan anticipar aos riscos e evitalos, establecendo unha metodoloxía de traballo eficiente e avalada polas diversas auditorías externas e internas realizadas por AENOR, e que os levou a conseguir a certificación do seu método de traballo.
 

A Unidade de Mama do HULA, que empezou a funcionar no ano 2011, atende unha media de 200 cancros de mama ao ano, aparte da patoloxía benigna que, na súa inmensa maioría, se soluciona por vía percutánea. Cada ano, opéranse no HULA unhas 180 pacientes de cancro de mama, cunha baixísima taxa de complicacións (inferior ao 1 por cento) e cun rendemento cirúrxico superior ao 70%. Iso supón, que nesta Unidade se realizan case 6.000 mamografías anuais, 2.500 ecografías, cerca de 800 Resonancias Magnéticas e uns 400 procedementos intervencionistas guiados por imaxe (biospias, extirpación de nódulos...).  Así mesmo, na Unidade de Medicina Nuclear do HULA realízanse uns 180 ganglios centinela ao ano.

Os profesionais da Unidade de Mama atenden unhas 5.000 consultas ao ano, cunha consulta específica de risco e outra específica de enfermería, na que se ven unhas 800 pacientes anuais.
 
O Hospital Universitario Lucus Augusti ten implantada unha vía rápida para a atención inmediata das pacientes con sospeita de cancro de mama. Grazas a esta vía rápida, as pacientes con sospeita desta patoloxía non teñen apenas lista de espera. A maiores, o HULA emprendeu un sistema de cita para as vías rápidas, denominado Hermes, que axiliza moito todo este proceso.
 
Manuel Vázquez Caruncho, xefe do Servizo de Radioloxía do HULA e coordinador da Unidade de Mama, sinalou que a obtención desta certificación de calidade “é a proba de que traballamos cuns profesionais entusiastas e altamente cualificados, que se esforzan día a día por facer o seu traballo cun alto estándar de calidade en beneficio de cada unha das pacientes que entran noso servizo para seren atendidas e tratadas”.
 
Vázquez Caruncho explicou que a concesión desta certificación de riscos é “só o primeiro paso, para acreditar o proceso de atención ao cancro de mama na súa totalidade, xa que, nesta primeira fase, a certificación abrangue dende que a muller entra no hospital por unha sospeita de cancro de mama ata, que o seu caso é visto polo comité multidisciplinar de tumores”.

 

O xerente da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares Rico, tamén felicitou a todos os profesionais da Unidade de Mama “pois esta certificación é a demostración dun traballo ben feito, cunha alta calidade e operatividade e, sobre todo, co obxectivo de saber en cada momento que se fai, como se fai, que se pode mellorar e que se pode correxir”. Neste senso, Ares Rico animounos a seguir a traballar nesta liña e a conseguir “a certificación de todo o proceso do cancro de mama, que seguro, co voso bo facer, será o seguinte paso seguro que celebraremos todos xunto a vós”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss