O CENTRO TECNOLÓXICO DE FORMACIÓN ACOLLE UN CURSO INTERNACIONAL DE CIRURXÍA CORNEAL LAMELAR ORGANIZADO POLO SERVIZO DE OFTALMOLOXÍA DO CHUAC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 06 2019

A introdución das técnicas de cirurxía lamelar nos transplantes de córnea, é dicir, transplantar só as capas danadas da córnea, fronte ao tradicional transplante total da córnea, supoñen unha auténtica revolución, con mellores resultados, menos riscos para o paciente e un máis fácil seguimento postoperatorio.

O servizo de oftalmoloxía do CHUAC, que dirixe Victoria de Rojas, apostou decididamente por estas técnicas, incrementándose a porcentaxe de realización das mesmas de forma crecente nos últimos anos. Este servizo foi o primeiro centro autorizado para a realización do transplante endotelial, ademais de ser o hospital onde se realiza o maior número destas técnicas e o único que realiza os tres tipos posibles de transplante corneal lamelar en Galicia, sendo recoñecido o seu traballo con varios premios en congresos nacionais e internacionais.
O vindeiro luns día 17 de xuño, o Centro Tecnolóxico de Formación do CHUAC acollerá o Curso de Cirurxía Corneal Lamelar, dirixido a oftalmólogos especializados neste tipo de intervención cirúrxica. Os participantes neste curso, que veñen de diversos lugares da xeografía nacional e internacional, poderán adquirir coñecementos baseados en vídeos e “wet lab” utilizando córneas humanas non aptas para transplante.
Os poñentes que participan neste curso forman parte dun destacado grupo de especialistas a nivel nacional e internacional como Victoria de Rojas e Marcelino Álvarez Portela do CHUAC, Juan Álvarez de Toledo, do Centro de Oftalmoloxía Barraquer de Barcelona, Alberto Villarrubia do Hospital La Arruzafa de Córdoba, Bruce Allan, do Moorfields Eye Hospital, en Reino Unido, ou Alfonso Vásquez Pérez, do King´s College Hospital, tamén do reino Unido. O European Accreditation Council for Continuing Medical Education (EACCME) acreditou esta iniciativa docente, reflexo do interese do mesmo para os especialistas neste campo.
 
Transplante de córnea lamelar
Nun recente estudio sobre técnicas de transplante realizado en EEUU durante os últimos 10 anos, ponse de manifesto un descenso no número de queratoplastias penetrantes (transplante de córnea total) dun 95% a un 42%, que foron sustituídas polo transplante de tipo lamelar (só as capas danadas da córnea) que sufriu un incremento do 5% a 58%.
A doutora Victoria de Rojas, directora do curso, destaca a utilidade destes para os cirurxáns que se queiran iniciar nestas novidosas técnicas de transplante de córnea (DALK e DMEK), consideradas predominantes nun futuro inmediato sendo a alternativa á maioría das indicacións para o transplante de córnea. A realización e execución destas técnicas require unha curva de aprendizaxe importante, que non é posible adquirir en ollos de animais. O wet lab deste curso en córneas humanas non aptas para transplante, constitúe unha oferta formativa única en España, e que só ofrecen outros dous centros europeos. Neste curso colaboran ademais, o Banco de Tecidos e a Oficina de Coordinación de transplantes do CHUAC.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss