O CHUAC ANIMA AOS CORUÑESES CON EPOC E ASMA A “PEDALEAR PARA DARLLE A VOLTA” Á SÚA SAÚDE RESPIRATORIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
10 07 2019

 

A iniciativa foi presentada hoxe no Hospital Universitario de A Coruña, onde se instalou unha bicicleta estática que ata o 19 de xullo buscará conseguir minutos de formación dirixidos a pacientes co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Cada volta enteira da bicicleta traducirase nun minuto de formación divulgativa para persoas con estas dúas enfermidades respiratorias. O reto é chegar ás 500 voltas entre os diferentes centros hospitalarios que percorrerá a instalación ao longo do ano.
 
Os visitantes que se acheguen á instalación poderán compartir o seu apoio á campaña nos seus perfís en redes sociais co hashtag #Respiraresvida. Con esta actividade en concreto, perséguese animar ás persoas con asma ou EPOC a realizar actividade física adecuada de forma regular.
 
“O exercicio é unha parte importante do tratamento ao demostrarse que mellora a súa calidade de vida e supervivencia”, afirma a Dra. Carmen Montero Martínez, xefa do servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario de A Coruña (CHUAC).
Ademais, a falta de adhesión terapéutica é un dos principais problemas en asma e EPOC posto que “os pacientes teñen tendencia a abandonar o tratamento en canto melloran os seus síntomas”, advirte a Dra. Montero, e recalca “outro dos problemas que expón a medicación é que se administra de maneira inhalada, pero a técnica inhalatoria non é sinxela e a súa incorrecta aplicación supón unha diminución dos seus efectos”.
Estímase que máis do 60% dos enfermos non segue correctamente o seu tratamento co inhalador.
 

 

O Hospital Universitario de A Coruña conta con todos os avances médicos para o tratamento do paciente con asma e EPOC. “Na EPOC dispoñemos de programa de rehabilitación pulmonar, tratamentos específicos para pacientes con EPOC por déficit de alfa-1 antitripsina, tratamento domiciliario con respiradores de alta complexidade e, nos casos máis avanzados, transplante pulmonar”, explica a Dra. Montero. A facultativa sinala que o programa de transplante pulmonar do hospital “é de referencia para toda Galicia e, con frecuencia, tamén transplantamos pacientes doutras comunidades autónomas”.
 

 

Fundación Lovexair
Lovexair é unha organización sen ánimo de lucro, dedicada á cura, apoio e acompañamento das persoas afectadas por patoloxías respiratorias crónicas e raras. A súa misión é mellorar a calidade de vida destes pacientes e os seus familiares, así como dar apoio aos profesionais sanitarios para que poidan mellorar a atención e o seguimento do paciente. Para conseguilo, Lovexair desenvolveu HappyAir Smart Community (www.happyair.org) unha comunidade de pacientes, familiares, coidadores e os profesionais sanitarios que os apoian. Ofrece formación e recursos en saúde dixital para axudalos -a nivel clínico, social e educativo- a xestionar a súa patoloxía respiratoria e desenvolver unha vida activa. Co apoio de profesionais sanitarios e farmacéuticos, a Fundación está actualmente desenvolvendo proxectos a escala local dirixidos a pacientes respiratorios, así como os seus familiares ou coidadores, con obxecto de formalos para o autocoidado, estimular a súa vida activa e mellorar a súa calidade de vida.
 
Respirar é Vida
O Programa Respirar é Vida nace co obxectivo de contribuír ao coñecemento e á sensibilización da poboación sobre a asma e a EPOC, dúas das patoloxías respiratorias máis prevalentes. Ofrece información práctica, fiable e de calidade da man de expertos na materia. As actividades realizadas no marco do Programa Respirar é Vida diríxense a persoas con asma e EPOC, familiares e amigos, así como á prensa e profesionais da saúde. Para máis información: www.respiraresvida.com

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss