O SERGAS ACHEGARÁ Á FEDERACIÓN GALEGA DE IRMANDADES DE DOADORES DE SANGUE 58.200 EUROS PARA A PROMOCIÓN DA HEMODOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
22 07 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, veñen de asinar esta mañá un convenio de colaboración para a promoción da doazón de sangue. En base ao documento, a devandita federación levará a cabo o desenvolvemento de programas de promoción da hemodoazón, en coordinación co departamento autonómico sanitario, a través da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Para levar a cabo esta iniciativa, o Sergas achegarlle á federación unha contía de 58.200 euros.
 
Tanto o Sergas como a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue consideran de particular importancia, e de interese público, o establecemento de actuacións conxuntas en materia de difusión de información na comunidade galega para acadar o fin común, que é a promoción da doazón de sangue. De aí que consideren necesario o establecemento dunha liña de actuación e colaboración para acadar un mellor funcionamento dos servizos sanitarios e unha mellora na saúde da poboación.

  

Segundo o convenio, a federación comprométese a cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación establecidas polo Sergas, así como a fomentar a doazón de sangue por toda a xeografía galega a través de distintos medios (charlas, carteis, dípticos, trípticos...) e a informar á cidadanía sobre a importancia de colaborar solidariamente na cobertura das necesidades de sangue e hemoderivados nos centros sanitarios galegos.
 
A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas irmandades galegas que teñen como finalidade, entre outras, a promoción da hemodoazón en Galicia, baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
  
Para acadar niveis óptimos de hemodoazón, as irmandades que compoñen a federación participan en campañas de radio e televisión, reparten trípticos e carteis, percorren concellos contactando directamente coas persoas, promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doadores nas súas oficinas, tanto persoal como telefonicamente.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss