SANIDADE INSPECCIONA 1.596 ESTABLECEMENTOS DE RESTAURACIÓN COLECTIVA NA ÚLTIMA CAMPAÑA ESPECIAL DE CONTROL SANITARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 08 2019

​A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, inspeccionou na última campaña especial de control sanitario nos establecementos de restauración colectiva (a 4ª desta índole), un total de 1.596 locais destas características. Esta campaña específica levouse a cabo entre o 1 e o 30 de xuño pasado e foi realizada polo 100% dos inspectores totais de cada zona veterinaria de forma individual ou colectiva, ao obxecto de reforzar as actividades ordinarias de control oficial nestes establecementos.

Con esta campaña, Sanidade pretendeu, por un lado, verificar a normativa vixente; e, por outro lado, comprobar e actualizar os datos do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA), no que, dende outubro de 2012, deben estar inscritos todos os establecementos de venda polo miúdo.
 
Dos 1.596 establecementos de restauración colectiva inspeccionados en Galicia nesta cuarta campaña específica, 858 foron de restauración colectiva sen comedor; 600 de restauración colectiva con comedor independente e 138 de restauración social.
 
Un total de 908 establecementos cumprían todos os requisitos, o que representa unha porcentaxe do 56,9% sobre a totalidade dos locais visitados. Destes, 478 son de restauración colectiva sen comedor; 316, con comedor independente e 114 de restauración social. No 43,10% restante, é dicir, en 688 establecementos, os inspectores de Sanidade detectaron incumprimentos (380 de restauración colectiva sen comedor; 284 de restauración colectiva con comedor independente e 24 de restauración social).
 
Durante a campaña, os inspectores tamén comprobaron as condicións xerais de hixiene dos establecementos, o seguimento das materias primas empregadas (provedores autorizados e rexistrados), a non utilización de envases reenchidos (aceite, augardente ou outros licores) e a verificación da orixe e etiquetado de bebidas alcohólicas. Igualmente comprobouse a correcta información alimentaria facilitada ao consumidor, especialmente a relacionada cos alérxenos.
 
Os incumprimentos máis frecuentes foron os que se refiren ás condicións hixiénicas e ás prácticas operacionais de manipulación, que constituíron, no seu conxunto, un 40% das infraccións detectadas nos establecementos inspeccionados. Síguelles, nun 26% os que están ligados aos autocontrois (cumprimento dos programas de prerrequisitos). Tamén se atoparon incumprimentos nas condicións estruturais nun 18%; un 7% á información proporcionada ao consumidor (principalmente á referida aos alérxenos); máis dun 6% o constituíron os relativos ao correcto censado no REGASA; e, nun 3,5% dos establecementos inspeccionados detectáronse infraccións ligadas á utilización de envases reenchidos, prohibida pola normativa.
 
Actualización de datos do REGASA
No que atinxe á actualización dos datos do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) cabe destacar que 172 establecementos foron dados de baixa no censo ao verificarse que xa non exercían a actividade pola que se rexistraron; situación que non se comunica ás autoridades sanitarias e está tipificada coma infracción. Ademais, en 144 establecementos visitados, os inspectores detectaron non conformidades nos datos rexistrados. Non comunicar o inicio de actividade ou os cambios de titularidade tamén son, neste campo, os incumprimentos máis frecuentes.
 
As medidas tomadas polos inspectores nesta última campaña incluíron 63  requirimentos para emendar as non conformidades; 16 suspensións cautelares da actividade; 35 inmobilizacións de produto; e 58 expedientes sancionadores. A estas medidas hai que sumar as 566 visitas adicionais realizadas para verificar a emenda das deficiencias detectadas na primeira inspección.
A campaña especial realizada entre o 1 e o 30 de xuño pasado estivo destinada a reforzar as inspeccións en todos os establecementos de restauración social, restauración comercial con comedor independente (restaurantes, cafetería, bufete-autoservizo, servizo a domicilio, comida rápida, etcétera), e establecementos de restauración comercial sen comedor independente (nos que se serven tapas, racións ou pinchos), e tamén naqueles establecementos non rexistrados que se detectaran no transcurso da campaña.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss