ALMUIÑA LEMBRA QUE O SERGAS PLANIFICA OS RECURSOS ASISTENCIAIS EN FUNCIÓN DA DEMANDA DA CIDADANÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
11 09 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse hoxe no Parlamento de Galicia á planificación dos recursos asistenciais realizada nos hospitais do Servicio Galego de Saúde durante este verán, lembrando que se fai adaptándose ás necesidades da demanda dos cidadáns. Así mesmo, Almuiña referiu que o Sergas garante que “todos os pacientes ingresan cando o precisan nunha cama a cargo do servizo especializado adecuando para a súa atención, sempre”.

O conselleiro explicou que no caso da hospitalización, a estimación da ocupación nos meses de verán realízase en base aos datos da ocupación real do período acumulado xuño-setembro de anos anteriores, engadíndoselle unha marxe de seguridade por riba entre un 10% e un 12%.
 
No caso concreto deste verán, dixo Almuiña, os datos indican que a porcentaxe de ocupación nos meses de xullo e agosto foi dun 75,60%, mentres que a porcentaxe de  camas funcionantes para o período estival, de xullo a setembro é dun 88,3%.
 
Ademais, o titular de Sanidade quixo remarcar que “non hai hospitais do Servizo Galego de Saúde con camas pechadas, as camas están dispoñibles ao 100%. As camas non se retiran das habitacións, están preparadas todo o verán e listas para ser utilizadas cando os pacientes as precisan”.
 
Datos de espera e actividade
Jesús Vázquez Almuiña referiuse tamén aos últimos datos de espera e actividade, actualizados a 30 de xuño deste ano.
No tocante á espera cirúrxica, o Sergas acadou un tempo medio de espera de 56,4 días, respecto aos 93 días dos últimos datos do SNS de hai un ano. Galicia rebaixou en 3,4 días o dato do ano anterior e acada o mellor resultado nos últimos 14 anos.  No caso concreto da Prioridade I, o tempo de espera situouse en 16 día, cando o obxectivo é atender en menos de 30 días.
 
Almuiña lembrou que a espera media para unha cirurxía no conxunto do Estado sitúase en 93 días, mentres que en Galicia é de 60 días, segundo os últimos datos dispoñibles do SNS, a 30 de xuño de 2019 (ocupando a nosa comunidade o cuarto posto a nivel nacional detrás de Madrid, País Vasco e La Rioja).
 
En concreto, o conselleiro referiuse ao número de intervencións cirúrxicas realizadas nos meses xullo e agosto deste ano, que ascenderon a 27.805, 422 máis que no 2018. Nestes dous meses, segundo subliñou, tamén se incrementou a cirurxía ambulatoria en 544 intervencións máis, acadando ás 13.912, e houbo unha diminución das cirurxías urxentes.
 
En canto ás consultas, dixo Almuiña, a espera media no SNS a xuño de 2018 foi de 57 días, mentres que en Galicia foi de 37 días (20 días menos). O Sergas realizou, a 30 de xuño deste ano, un total de 604.823 consultas, 24.407 máis que no mesmo periodo do ano anterior.
 
Entre os meses de xullo e agosto deste ano, realizáronse nos centros sanitarios do Sergas un total de 524.926 probas (12.663 máis que o ano anterior), rexistráronse 36.606 ingresos (217 máis que en 2018) e atendéronse un total de 179.219 urxencias hospitalarias (2.760 máis que o ano anterior).
 
“A planificación deste verán do Sergas serviu para dar máis calidade e realizar máis actividade dando, coma sempre, resposta ás necesidades da cidadanía”, conclúiu o conselleiro de Sanidade. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss