A NOVA LAVANDERÍA DA XERENCIA INTEGRADA DE FERROL NO HOSPITAL NAVAL DO CHUF COMEZA A FUNCIONAR O VINDEIRO MÉRCORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
14 09 2019
​A nova lavandería da Xerencia Integrada de Ferrol, emprazada no andar soto do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), comeza a funcionar xa neste totalmente renovado espazo a partir do vindeiro mércores 18 de setembro. Lembrar que esta acción forma parta da Fase 0 necesaria para a activación posterior da Fase I do Plan Director do Complexo, e implica sacar os espazos de Lavandería do Hospital Arquitecto Marcide onde estaban ata agora para o seu emprazamento definitivo no soto do Hospital Naval do Complexo. Entre as cuestións máis destacables da nova Lavandería figura que se duplican os espazos e áreas de traballo, pasando dos 665 metros cadrados cos que contaba, ós 1.331 metros cadrados actuais. Esta amplitude permite polo tanto o traballo en mellores condicións xerais, tecnolóxicas, ambientais e de iluminación.
 
Investiuse un total de 2.784.334 euros nesta nova lavandería, incluíndo a máis completa instalación e a posta en marcha dos servizos correspondentes. Subliñar neste senso que a maquinaria é case na súa totalidade totalmente nova. Supón un importante avance dende o punto de vista tecnolóxico pasando a unha lavandería industrializada, modernizada e con procesos máis automatizados. De feito, como resumo, pásase de lavadoras e secadoras individuais a un túnel de lavado e un túnel de secado, ademais de dúas máquinas de encartado. O Servizo de Lavandería da Xerencia Integrada de Ferrol distribúe a roupa e a lencería á totalidade da área sanitaria, complexo hospitalario, puntos de atención continuada e centros de saúde. Un total de 38 traballadores facilitan que se acondicionen unha media diaria de 4.500 quilos de roupa e lencería.
 
A maiores, esta nova infraestrutura implica un aforro enerxético global superior ó 60% respecto das instalacións actuais, e con capacidade para incrementar o procesado da roupa. De feito, estímase poder alcanzar un incremento do 25%. O túnel de lavado é de alta eficiencia e baixo impacto medioambiental, cun uso reducido de augas e xabróns. As máquinas de prancha empregan aceites térmicos en lugar de vapor e electricidade.
 
No que se refire ó traspaso dun hospital ó outro, xa se trasladaron cuestións relativas a almacenaxe, oficinas e costura estes días; e, ó longo dos primeiros días da semana que vén, trasladarase o mobiliario rodante (gaiolas e cubetas, por exemplo). Non hai interrupción da actividade polo traslado xa que se pasa a traballar xa co novo parataxe no novo espazo. Durante os primeiros días, facilitarase formación ós usuarios e xestores das novas máquinas, e producirase un acompañamento técnico para garantir calquera posible incidencia no arranque.
 
Melloras nas distintas áreas da Lavandería
Son, polo tanto, un total de 1.331 metros cadrados nos que haberá unha área de lavado, unha de secado, de prancha e encarte; unha de costura; e as zonas de descanso do persoal, aseos, almacéns, oficinas e salas técnicas. O cambio cualitativo máis importante é a introdución do túnel de lavado. As sete lavadoras coas que contaba a actual lavandería substitúense por un túnel de lavado e tres lavadoras que se manteñen. O túnel de lavado ten unha capacidade de procesado de entre 600 a 700 quilos a hora dependendo do tipo de programa e roupa.
 
Unha vez que a roupa sae lavada dese túnel, xa vai de xeito automático á prensa onde se elimina unha importante porcentaxe de auga. E de aí ó proceso de secado, onde se fai un primeiro desliado da roupa e, na cinta de clasificación, sepáranse as diferentes prendas. Este é outro dos puntos novos, o túnel de secado de roupa denominado de forma (uniformas e roupa de pacientes). Antes había oito secadoras, e agora tres e un túnel de secado. Xunto con isto, dúas novas máquinas de encarte, unha de toallas e outra de roupa de forma, facilitan esta tarefa, que antes era manual.
 
Hai outra novidade tamén con respecto ás máquinas de prancha da roupa plana (sabas, colchas ou almofadas); ata a data, dispúñase de dúas máquinas de prancha (calandras) dun rodete e introdución manual. Na nova lavandería, disporase de dúas máquinas de prancha, pero unha delas con dous rodetes e introdutores, o que duplica a velocidade de procesado. Por último, no que se refire a área de costura, conservan tres máquinas de coser, e incorpóranse dúas novas máquinas e unha remalladora. Pásase, polo tanto, de seis máquinas a cinco, ademais da remalladora, entre outras cuestións.
 
O mércores da semana que vén, polo tanto, estréanse estes novos espazos dun servizo fundamental como é o da Lavandería, co dobre de metros cadrados e mellores condicións para ós e ás profesionais, que facilitan a engrenaxe asistencial coa posta a disposición deses 4.500 quilogramos de media diaria de roupa.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss