O CONSELLEIRO DE SANIDADE SUBLIÑA A IMPORTANCIA DE TRABALLAR A SENSIBILIZACIÓN DA MOCIDADE SOBRE Á DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA NA ENTREGA DE PREMIOS DO IV CONCURSO DE CURTAMETRAXE DE ADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 09 2019
​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu, xunto co secretario xeral da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén Barcala, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, a entrega de premios aos gañadores do IV Concurso Universitario de Curtametraxes relaciona coa doazón e o transplante de medula ósea promovido pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e que tivo lugar hoxe co gallo da conmemoración, o vindeiro sábado, do Día Mundial do Doador de Medula Ósea. Vázquez Almuiña salientou a importancia de continuar traballando arreo a prol da creación dunha conciencia solidaria favorable á doazón e o transplante, especialmente nos distintos niveis educativos, e que achegan esta realidade sanitaria e social á mocidade, especialmente ao colectivo universitario.
 
O acto celebrado hoxe no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, contou, ademais, coa presenza do decano deste centro educativo, Xosé Ramón Pousa Estévez; e da coordinadora autonómica de transplantes de ADOS; Encarnación Bouzas Caamaño.
 
Promoción educativa
O conselleiro de Sanidade salientou o especial esforzo que se está a facer desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS por achegar información relativa a doazón e o transplante de medula ósea ao colectivo universitario, eido no que se circunscribe esta cuarta edición do Concurso de Curtametraxes. 
 
Neste punto, Vázquez Almuiña agradeceu a todos os membros da comunidade universitaria, especialmente docentes e estudantes, o esforzo e interese amosado para crear unha conciencia proclive á doazón de medula ósea, pero tamén a todos os xeitos de doazón solidaria que é posible realizar no noso sistema público de saúde.
 
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade quixo resaltar que ADOS é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO) e, segundo datos facilitados pola Organización Nacional de Transplantes (ONT), Galicia ten experimentado unha excelente evolución e contabiliza, ata o momento, un total de 11.398 doadores e doadoras de medula ósea.
 
Premiados
Nesta cuarta edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, acadou o primeiro premio o traballo Que non cho conten. Faite doante, realizado polos alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo, Noemi Parga Iglesias e Matías Kesler Espasandín.
 
Polo que atingue ao segundo premio desta cuarta edición, recaeu na curtametraxe Camiño á vida, da estudante da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Meritxell Álvarez Aguión. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss