ALMUIÑA PON EN VALOR A IMPLICACIÓN DE CIDADÁNS E COLECTIVOS COMO A FUNDACIÓN FRANGIL PARA SENSIBILIZAR Á SOCIEDADE SOBRE A DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
19 09 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu, nas instalacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) aos membros da Fundación Frangil, que esta maña comezaron a desenvolver a campaña “700 camisetas contra a leucemia”, un percorrido deportivo que unirá, simbolicamente e ata o vindeiro domingo, ás sete grandes cidades galegas.

Ademais, o titular de Sanidade recolleu en Santiago as camisetas que serán distribuídas entre todas as persoas que se fagan doantes de medula ósea nos vindeiros meses e quixo por en valor o desenvolvemento de iniciativas procedentes de todos os eidos da nosa sociedade para dar a coñecer os distintos xeitos de doazón que é posible desenvolver no noso sistema público de saúde.

Locais de doazón
No transcurso desta andaina, David Gil, responsable da Fundación Frangil, acompañado por voluntarios, está percorrendo Galicia e visitando os locais de doazón de ADOS existentes nas sete grandes cidades galegas, coa campaña “700 camisetas contra a leucemia”.
 
Esta iniciativa desenvolvese unha década despois da súa primeira edición, co obxectivo de sensibilizar e informar á cidadanía da importancia da doazón de medula ósea. Para iso, os voluntarios da Fundación Frangil, están a entregar 100 camisetas en cada un dos locais de doazón de ADOS. Neste sentido, lembrar que a Axencia é o centro de referencia en Galicia para a tipaxe dos doadores de medula ósea, integrados no Rexistro Español de Medula Ósea (REDMO). Segundo datos da Organización Nacional de Transplantes (ONT), Galicia ten experimentado unha excelente evolución e acumula 11.398 doantes.
 
Plan nacional
En xaneiro do 2013, as Comunidades Autónomas e a ONT puxeron en marcha o Plan Nacional de Medula Ósea, co obxectivo de acadar, no 2020, unha cifra superior aos 400.000 doadores. Neste sentido, salientar o decidido compromiso da Consellería de Sanidade que, por medio de ADOS, facilita o acceso dos cidadáns a este tipo de doazón.
 
Ademais, dende hai seis anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición dos cidadáns unha páxina web http://galicia.medulaosea.org e un teléfono de información gratuíto, 900 100 828 que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lembrar que poden ser doadores de medula ósea, persoas de 18 a 40 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón. 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss