GALICIA ACADA A MÁXIMA CUALIFICACIÓN EUROPEA COMO REXIÓN DE REFERENCIA NA ABORDAXE INTEGRAL DO ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
21 09 2019

​A Comisión Europea ven de outorgarlle a Galicia a máxima cualificación como rexión de referencia no desenvolvemento e á adopción de prácticas innovadoras para o envellecemento activo e saudable. Este recoñecemento enmárcase dentro da terceira convocatoria da iniciativa European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA), que podería traducirse como a Alianza de Innovación Europea para un Envellecemento Activo e Saudable, e na que Galicia conseguiu a acreditación de catro estrelas, dun máximo de catro posibles. Con este recoñecemento, a nosa comunidade ascende de nivel logo de conseguir tres estrelas na edición pasada.

Para outorgarlle esta máxima acreditación, a Comisión Europea tivo en conta a candidatura que presentou Galicia e que inclúe numerosas iniciativas que demostran a excelencia no desenvolvemento de prácticas innovadora para un envellecemento activo e saudable,  baseándose nun modelo que que inclúe á industria, a sociedade, a academia e as autoridades gobernamentais.
 
Deste xeito, como contribución á transformación dixital europea no ámbito da asistencia sanitaria presentouse a Historia Clínica Electrónica (HCEPRO) do  Servizo  Galego de  Saúde e a plataforma É- Saúde, que permite o acceso aos servizos e contidos de saúde personalizados aos cidadáns.
 
Outros proxectos do Servizo Galego de Saúde destacados na convocatoria foron  HEXIN, a plataforma de explotación de información e xestión de datos clínicos e epidemiolóxicos;  SAVAQ, o sistema avanzado de xestión cirúrxica; e  SIGUR, o sistema de xestión intelixente dos servizos de urxencias hospitalarias e puntos de atención continuada.
 
A Comisión valorou tamén as iniciativas que se están desenvolvendo de compra pública innovadora como Código100, centrado no envellecemento, e a participación en diversos proxectos europeos como o desenvolvemento dunha acción piloto para probar o modelo Living Lab de saúde en Galicia. Esta iniciativa trata de converter aos hospitais galegos e centros de saúde en contornas reais para probar solucións innovadoras. Así os pacientes e os usuarios, coas súas experiencias e opinións tras probar esas solucións innovadoras, poden influír no seu deseño e creación antes de que cheguen ao mercado.
 
O recoñecemento de Galicia como rexión de referencia con acreditación de catro estrelas  entregarase o próximo 25 de setembro na localidade de Aarhus, en Dinamarca, no marco da Conferencia da EIP on AHA.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss