O SISTEMA DE XESTIÓN DA CALIDADE NO SERVIZO DE DERMATOLOXÍA DA XERENCIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS RECIBIU A CERTIFICACIÓN ISO 9001:2015
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
23 10 2019

​O servizo de Dermatoloxía da Xerencia de Pontevedra e O Salnés recibiu hoxe en Montecelo a Certificación de Calidade segundo a Norma ISO 9001:2015 polos seus excelentes sistemas de xestión integral da calidade. O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado de diversas autoridades sanitarias desta área de saúde, presidiu o acto de entrega desta Certificación ISO á xefa de servizo de Dermatoloxía, a doutora Ángeles Flórez Menéndez.

No transcurso deste evento, o titular de Sanidade da Xunta de Galicia congratulouse de que este servizo sanitario da Xerencia de Pontevedra e O Salnés sexa o primeiro completo de toda a área sanitaria en ostentar a devandita acreditación, tras superar satisfactoriamente os estudos da certificadora Asociación Española de Normalización e Certificación -AENOR-, que confirmou mediante diversas auditorías externas que o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés cumpre cos estándares e obxectivos para xestionar unha axeitada atención aos usuarios.
 
Jesús Vázquez Almuiña engadiu que “estas certificacións de calidade reflicten que a EOXI de Pontevedra e O Salnés mantén unha estrutura sistematizada nos aspectos relacionados coa xestión da calidade, así como unha centrada orientación ao paciente. Porque acadar unha certificación desta relevancia corrobora o desempeño de xestión da calidade en termos de mellora contínua”.
 
Certificado en todas as áreas de actividade
É a primeira vez en Pontevedra que un servizo asistencial da Sanidade Pública certifícase na totalidade das súas áreas de actividade. O Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, presenta unha ampla carteira de servizos, sendo referencia para Cirurxía de MOHS na área sur de Galicia para as provincias de Ourense e Pontevedra. Conta con unidades punteiras no Sistema Nacional de Saúde como a de Psoriase e a de Melanoma, así coma con unidades de cancro cutáneo, dermatoloxía pediátrica específica, unidade de psoriase, unidade de cirurxía de Mohs, unidade de patoloxía autoinmune e urticaria crónica, unidade de eccemas, unidade de tratamento fototerápico, terapia fotodinámica, así coma consultas de enfermería, consulta de curas postcirúrxicas e curas especiais.
 
Actividade docente e investigadora do servizo
O Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra participa na formación de pregrado para alumnos de Medicina, conta cunha praza de formación MIR, formación máster, efectúa sesións clínicas e traballos de fin de grao. No eido da Investigación, este Servizo participa en congresos nacionais e internacionais, publica artigos en revistas indexadas e capítulos de libros e o pasado ano participou en 14 ensaios clínicos e estudos observacionais financiados, en 9 proxectos de investigación clínica independente non competitivos e 1 competitivo.
 
Varios dos seus membros forman parte de grupos de traballo de ámbito autonómico e nacional encamiñados á abordaxe multidisciplinar e á promoción da saúde: ostentan a coordinación nacional da Campaña Euromelanoma 2019, a coordinación clínico-asistencial do Protocolo de manexo dermatolóxico do melanoma cutáneo nos centros hospitalarios do SERGAS, entre outras diversas iniciativas neste eido. Así mesmo, este servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi pioneiro, xunto co Servizo de Farmacia hospitalaria, no desenvolvemento de fórmulas maxistrais personalizadas para pacientes con xenodermatose e na introdución da dermatoscopia dixital e a cirurxía micrográfica de Mohs en Galicia.
 
Premios Best in Class
Este Servizo recibiu varias distincións nacionais de saúde nos prestixiosos premios Best in Class, sendo finalista a mellor servizo de Dermatoloxía de España no ano 2018 e tamén no presente ano 2019. Ademais, a súa Unidade de Psoriase foi finalista a estes galardóns durante os últimos catro anos, acadando o primeiro premio nacional o pasado ano 2018.
 
Segundo quedou patente hoxe en Montecelo, no acto de entrega da Certificación de Calidade segundo a Norma ISO 9001:2015, o servizo de Dermatoloxía defende e persegue en toda a súa actividade un enfoque centrado no paciente, traballando na promoción dos autocoidados, cunha adicada labor de formación dos pacientes e coidadores -a través das Escolas de Psoriase e de Dermatite Atópica- e as actividades que desenvolve na prevención primaria e secundaria do cancro cutáneo.
 
Manual de Calidade
Na liña de traballo desta certificación ao servizo de Dermatoloxía, cómpre salientar que a Xerencia de Pontevedra e O Salnés desenvolve un Manual de Calidade que se adaptou á versión ISO 9001-2015, incorporando nos seus sistemas de traballo e organización cambios na política de calidade, a estrutura da área, a xestión dos riscos, os órganos de participación e a responsabilidade da dirección.
 
Na súa liña de enfoque asistencial baseado nos procesos sanitarios centrados no paciente, a área sanitaria configura obxectivos básicos da súa política de calidade que garantan unha atención segura, efectiva e integral.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss