GALICIA CONTARÁ CON 41 NOVAS OFICINAS DE FARMACIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
18 01 2020

A Consellería de Sanidade  adxudicou hoxe 41 novas oficinas de farmacia. Por primeira vez, a adxudicación realizouse nun acto único, ao que estaban convocados os 604 participantes no concurso público, celebrado no salón de actos da Consellería, axilizando así o proceso e reducindo o tempo de elección a un único día.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, saudou aos participantes ao comezo do acto. Almuiña quixo destacar a importancia da adxudicación destas 41 oficinas, cun particular énfase no rural. De feito 20 das novas farmacias, case a metade das adxudicadas, poderán abrir en concellos de ámbito rural. As restantes repartíronse con 14 para zonas semiurbanas e 7 para zonas urbanas con crecemento poboacional.
Así mesmo, Almuiña remarcou que neste concurso fortaleceuse a carreira profesional exercida no ámbito da farmacia comunitaria. Proba delo é que dos 41 primeiros postos no listado de concursantes, 32 exercen como farmacéuticos adxuntos en oficinas de farmacia. Na baremación deste novo concurso, a experiencia profesional foi o criterio de maior peso a efectos de valoración, pasando dun máximo de 30 puntos (conforme co baremo anterior) a un máximo de 60.
Tras este acto, os adxudicatarios provisionais das oficinas de farmacia terán un prazo de 10 días dende a publicación da lista no Diario Oficial de Galicia para facer fronte á garantía de 3.000 euros, mediante depósito en metálico o aval bancario. De non facelo, quedarían excluídas definitivamente do proceso de adxudicación.
Unha vez resolto o concurso, os adxudicatarios terán 2 meses para designar o local no que proxectan instalar a oficina de farmacia.

Culminación dun proceso complexo
O conselleiro destacou tamén que con este acto de adxudicación culminou un proceso complexo, dende que se convocara o concurso en xullo de 2018. Sen embargo, dixo Almuiña, foi un tempo necesario, xa que ademais da complexidade da baremación, houbo que respectar a opción dos concursantes para realizar achegas e alegacións. Así mesmo, este foi o primeiro concurso no que era obrigatorio presentar toda a documentación por vía telemática. Malia todo, é un tempo moi inferior ao empregado nos concursos doutras comunidades autónomas.
Ata chegar ao día de hoxe, realizouse un longo traballo que se iniciou coa aprobación do mapa farmacéutico de Galicia (mediante o Decreto 127/2017, do 23 de decembro), e que un paso necesario para habilitar o proceso de apertura de novas oficinas de farmacia. Tamén se promulgou o Decreto 66/2018, do 14 de xuño, que modificaba o decreto anterior do ano 2001 sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia. Esta modificación foi imprescindible para actualizar os procedementos para o novo concurso e, moi especialmente, a modificación do baremo de méritos a utilizar para a valoración dos participantes.
Tamén se alongou o período necesario para a transmisión das novas oficinas de farmacia, dos 3 aos 15 anos, tratando de que  sexan un proxecto vital dos profesionais farmacéuticos, mantido no tempo, e así garantir á cidadanía unha atención eficaz, eficiente e de calidade.

 

Almuiña destacou a participación activa dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, que ademais formaron parte da Comisión de Baremación e felicitou ao concursantes que elixiron farmacia, agradecéndolles o seu traballo “moi importante para a cidadanía e a sanidade galega”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss