SANIDADE PON A DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA O TELÉFONO 902 400 116 PARA INFORMACIÓN XERAL SOBRE O CORONAVIRUS E O 061 PARA AS PERSOAS QUE ESTIVERON EN ZONA DE RISCO E TEÑAN SÍNTOMAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 02 2020

​A Consellería de Sanidade vén de poñer a disposición da cidadanía o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o Coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas que as galegas e galegos teñan ao respecto. En calquera caso, para cidadáns con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire,...) e que volvesen ou tivesen contacto con persoas en zonas de risco, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública remarca que, de acordo coas recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, ao chegar dunha viaxe aérea a unha área de risco, farase vida normal tanto en familia, con amigos e no ámbito escolar e laboral, non sendo preciso tomar medida algunha, e, no caso de observar sintomas durante os 14 días seguintes (febre, tose, sensación de falta de aire), deberase contactar co 061.
 
A Consellería de Sanidade lembra que o sistema sanitario galego está preparado para facer fronte aos posibles casos de coronavirus e subliña que non hai que facer caso a informacións falsas que incrementan a alarma sanitaria, debendo recurrir a fontes fiables de información.
 
Comisión Interdepartamental
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes. O Executivo galego considera necesario poñer en marcha un órgano que facilite a coordinación e impulso das actuacións que se consideren precisas, máis aló do ámbito estritamente sanitario, de maneira que se minimice o impacto social e mesmo económico que poida causar a expansión destas novas enfermidades emerxentes.
 
A Comisión estará adscrita á consellería con competencias en materia de sanidade e trátase dun órgano de coordinación técnica e colaboración que se crea para garantir a necesaria coordinación nas accións administrativas e de goberno, necesaria para a debida planificación e co fin de impulsar as actuacións prioritarias precisas que a evolución do coronavirus exixa en Galicia.
 
A presidencia da comisión correspóndelle ao titular da Consellería de Sanidade, e o vicepresidente da mesma será o titular da Xerencia do Sergas. Forman parte da comisión as persoas con rango de secretario xeral ou director xeral designadas pola persoa titular da consellería competente nas materias de Interior e Xestión de Emerxencias; Administración local; Facenda; Economía; Comunicación; Educación; Deportes; Política Social; Turismo; e Saúde Pública.
 
A comisión encargarase da coordinación, seguimento e avaliación das actuacións decididas tanto preventivas como paliativas en relación á situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado, adecuándoas as recomendacións emanadas do Ministerio de Sanidade, do Centro Europeo para a prevención e Control das Enfermidades, da Unión Europea e da Organización Mundial da Saúde.
 

Tamén realizará a proposta de sistemas de vixilancia para coñecer con máis detalle a situación, a súa evolución e impacto que está a ter, tanto a nivel de saúde como noutros ámbitos; a aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións; a aprobación dos plans e protocolos de preparación e resposta que inclúan os aspectos sanitarios e non sanitarios; así como a coordinación da información á poboación.

Prevención e limitación de contaxios

Os técnicos de Saúde Pública, de acordo coas recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus, común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse; cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, debe evitarse tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss