SANIDADE AMPLIA A TODAS AS ESPECIALIDADES MÉDICAS E DE ENFERMERÍA OS CONTRATOS DE RESIDENTES DE ÚLTIMO ANO DE FORMACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
27 03 2020

​O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Orde da Consellería de Sanidade, pola que se autoriza a encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación das restantes especialidades do exercicio provisional das funcións de facultativo adxunto especialista, enfermeiro especialista ou categoría profesional a que os habilite durante a crise sanitaria provocada polo Coronavirus.

Nunha primeira Orde do pasado día 25, Sanidade establecía  a prórroga da contratación de residentes en último ano de formación tal como esixe a norma estatal, das especialidades de: Xeriatría, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria; Medicina Intensiva; Medicina Interna; Medicina Preventiva e Saúde Pública; Pneumoloxía; Pediatría e as súas áreas específicas; Radiodiagnóstico; Microbioloxía e Parasitoloxía; Anestesioloxía e Reanimación; Enfermería do Traballo; Enfermería Familiar e Comunitaria; Enfermería Xeriátrica e Enfermería Pediátrica.

Por tanto, coa Orde hoxe publicada, o departamento sanitario galego amplia esta medida a todas as especialidades das profesións sanitarias.
 
Coa orde do día 25 ampliábase os contratos de 160 médicos residentes e 31 enfermeiros residentes que están no último ano de formación, e coa Orde publicada hoxe, amplíase os contratos de 145 facultativos máis (médicos, farmacéuticos, psicólogos e radiofísicos) ademais doutros 22 profesionais de enfermería.
 
Así, entre os dous procesos, o Goberno galego sumará 358 profesionais aos máis de 39.000 que xa ten no seu cadro de persoal o Servizo Galego de Saúde.
 

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña recoñecerá a estes profesionais sanitarios de último ano de formación as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así como promoverá a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidade nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Esta iniciativa adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial, especialmente para a asistencia de pacientes COVID 19, e durará en función das necesidades asistenciais derivadas da evolución da crise sanitaria e do que dispoña a normativa estatal.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss