SEIS POSITIVOS MÁIS ELEVAN A 28 OS CASOS DE CORONAVIRUS DA COMARCA DE A MARIÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
29 06 2020

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros seis casos positivos de persoas afectadas por covid-19 na comarca de A Mariña, o que eleva a 28 o número total de casos detectados nesta zona pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.
 
O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse na tarde do pasado martes 23  de xuño, no concello de Xove. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas, confírmase a existencia de 28 positivos en covid-19.
 
Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos das persoas que deron positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.
 
Dos 28 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña.  Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.
 
A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a máis de 300 persoas relacionadas con este brote e séguense a investigar posibles novos contactos.
 
Insistir que o departamento sanitario da Xunta actuou con absoluta dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, coa fin de controlar e acotar o antes posible o brote. Hai que destacar a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial  que ten o Hospital Público da Mariña para a atención de todos os usuarios. Ao igual que durante toda a pandemia, tanto os centros de Atención Primaria como os hospitais públicos do Sergas están a facer un traballo intenso para realizar todas as probas diagnósticas necesarias e no menor tempo posible.
 
No caso concreto do rebrote que está a afectar á comarca de A Mariña, dicir que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotar canto antes o actual brote.
 
Hai que destacar, tamén a capacidade asistencial e resolutiva do Hospital Público de A Mariña e dos centros de saúde para asumir con todas as garantías esta situación, como xa o demostrou nos momentos máis duros da pandemia, tanto no aspecto diagnóstico como no tratamento. A súa actuación complétase co apoio do Servizo de Microbioloxía do HULA, co que traballan de forma conxunta, coordinada e continuada de 8 da mañá a 10 da noite, e se é necesario, prorrogando a súa actividade o tempo necesario; así como co importante e intenso traballo do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica da Xefatura Territorial de Sanidade no seguimento dos contactos, que está a permitir unha actuación moi rápida e eficaz na detección e control dos contactos das persoas afectadas.
 
Dende o Sergas queremos salientar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.
 
A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada coa covid-19.
 
NOTA IMPORTANTE: destes seis novos casos específicos do brote de A Mariña, tres xa van incluídos no parte diario de incidencia de Covid-19 que se manda dende o inicio da pandemia. Polo tanto,  ao total da provincia só habería que sumar outros tres casos, que corresponden cos últimos resultados das probas realizadas ata esta mañá.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss