SANIDADE INSTA AOS CONCELLOS DA MARIÑA A VELAR POLO CUMPRIMENTO DAS MEDIDAS DE CONTROL, VIXILANCIA E LIMPEZA ESTABLECIDAS POR MOR DA COVID-19
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Sistema de lectura automática del Sergas Lectura automática
» Axuda
.
03 07 2020
 

​ A Consellería de Sanidade mantivo esta mañá unha reunión -telemática- cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro para solicitarlle a súa colaboración á hora de velar polo cumprimento das medidas de control e vixilancia establecidas por mor da Covid-19.

Co obxectivo de fortalecer a prevención de contaxios na comarca e ademais garantir o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias establecidas pola irrupción do coronavirus, o departamento sanitario galego acordou cos mandatarios destes concellos da Mariña lucense un conxunto de medidas coas que garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía.
 
Lembrouse a necesidade de cumprir unha serie de medidas de hixiene e prevención no conxunto de actividades que teñan carácter público, ademais doutras normas como poden ser as vencelladas ao control do aforo dos establecementos ou outras actividades que se desenvolvan abertas ao público. Neste senso, subliñouse que todas elas deben respectarse para contribuír ao mantemento da distancia interpersoal de seguridade e así evitar as aglomeracións dos clientes e/ou usuarios.
 
Do mesmo xeito, o departamento sanitario da Xunta de Galicia incidíu en que, ante á necesidade de garantir a protección da saúde da poboación, as autoridades sanitarias -entre as que se inclúen os alcaldes-, poderán incoar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas.
 
Porén, a Consellería solicitou a colaboración dos concellos no control e vixilancia do cumprimento das medidas ditadas, convidándoos a que extremen as medidas de limpeza dos espazos públicos, de xeito que quede garantido, por unha banda, que a cidadanía evite comportamentos que xeren riscos de propagación da enfermidade e, por outra, que as actividades que poidan dar lugar a unha transmisión comunitaria, se desenvolvan nunhas condicións que permitan en todo momento previr os riscos de contaxio.
 
Deste xeito, insta aos concellos a que, no caso de ser preciso, e ante os diferentes casos activos na comarca, se proceda a colaborar no control das persoas que estean en corentena ou illamento, co fin de protexer a saúde pública de todos os cidadás.
 
Así, lembrou que as persoas que sexan consideradas como un caso sospeitoso de infección por Covid-19, xa estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas, ou ben sexan casos positivos confirmados, deberán seguir as indicacións de illamento ou corentena que lle sexan sinaladas desde os dispositivos asistenciais ou desde saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio -ou lugar de illamento-, agás autorización expresa do servizo sanitario.
 
Por parte da consellería de Sanidade, participaron na xuntanza: o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa; o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada; o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares; a xefa territorial de Sanidade de Lugo, Begoña Seco; e a xerente do  distrito sanitario da Mariña, María José Cortés.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneameTuenti
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss