SANIDADE LEVANTA A LIMITACIÓN DA MOBILIDADE EN 7 CONCELLOS DO DISTRITO SANITARIO DA MARIÑA LUCENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 07 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe, logo da reunión con expertos do Comité Clínico onde se revisaron as medidas de restrición que estaban en vigor na Mariña lucense como consecuencia do brote da covid-19, que o departamento sanitario galego levanta a limitación da mobilidade en 7 concellos do distrito da Mariña, concretamente en Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria anunciou que noutros 6 concellos do distrito, Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove, solo se permitirán os desprazamentos na franxa dos seus territorios.
 
O concello de Burela, manterá limitada a mobilidade ao ámbito xeográfico do término municipal.
 
Para o conxunto de concellos do distrito da Mariña seguen vixentes as medidas de prevención de redución de aforos nos bares e centros de ocio ao 50%, o cumprimento dos horarios de apertura e peche de forma escrupulosa, e os límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, e un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10.
 
As modificacións referidas á mobilidade nos concellos publicaranse hoxe mesmo no DOG e entrarán en vigor ás 00.00 horas.
 
Remarcou tamén o conselleiro que a votación do domingo farase con total seguridade e garantías, posto que o protocolo establecido para a xornada electoral é de máximos e ningunha das medidas interfire para exercer o voto.
 
Por outra banda, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, sinalou que, ata onte, fixéronse 3.201 PCR como consecuencia do brote da Mariña, sendo na actualidade o número de casos activos 182, logo de producirse 17 novos casos.
 
O xefe do servizo de Oncoloxía do Hula e membro do Comité de Expertos, o doutor Sergio Vázquez Estévez, apelou, na rolda de prensa, á responsabilidade da cidadanía á hora de que se respecten as medidas de hixiene (uso da máscara, manter a distancia social e a hixiene de mans).
 
O doutor Vázquez Lima, xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, e membro tamén do Comité Clínico, sinalou que, tal e como se contempla no protocolo para os brotes, debe manterse a restrición da mobilidade na zona na que se concentra o maior número de casos activos.
 
Casos importados
O conselleiro de Sanidade amosou tamén a súa preocupación polos casos importados e, a tal efecto lembrou que a Xunta de Galicia ten activado un  teléfono específico, o 881 00 20 21, para atender a todas aquelas  persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses e evidencien sintomatoloxía covid-19 durante a súa estadía na comunidade.
 
Así, aínda que a persoa que presente sintomatoloxía covid non dispoña tarxeta sanitaria galega, o Sergas asignaralles unha cita cun profesional sanitario que, tras unha consulta inicial, poderá determinar o que proceda e, no seu caso, solicitar a proba diagnóstica que considere precisa.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss