EL ÁREA SANITARIA DE FERROL DA LA BIENVENIDA A LOS 16 ALUMNOS Y ALUMNAS DE SEXTO CURSO DE MEDICINA QUE HARÁN SUS PRÁCTICAS EN ESTA ÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2020

A Área Sanitaria de Ferrol deu a benvida esta mañá ós 16 alumnos e alumnas de sexto de medicina que realizarán as súas materias de práctica clínica de todo o curso académico na área ferrolá durante este curso 2020-2021. Comezan as súas prácticas dende esta semana e rematarán no mes de maio do 2021. Son a sexta promoción de alumnos nesta modalidade de formación da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que acolle a Área Sanitaria de Ferrol xa que, ata o 2015, acudían alumnos da Facultade de Medicina só en período non lectivo, no verán. A modificación do Plan de Estudos estableceu nese ano un período longo de prácticas en sexto curso en diversos emprazamentos da área sanitaria ferrolá.
Os alumnos e alumnas puideron escoller calquera xerencia do Sergas, e estes 16 escolleron Ferrol. Con esta formación, rematarán os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Recibíanse esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e estiveron cos alumnos no acto de benvida, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes; e algúns dos 38 titores que supervisarán estas rotacións.
“Chegou o momento de tomar contacto coa realidade do que nun futuro será a vosa  práctica habitual”, destacan na benvida. “Ó longo da formación práctica ides vivir a importancia da relación do persoal sanitario co paciente, e das relacións persoais e profesionais”, continúa esa benvida. E remata, “implicarédesvos no coidado dos pacientes e en aspectos éticos da asistencia”.
O peculiar contexto que se está a vivir por mor da covid provocou que este acto de benvida fora máis reducido, e estiveron acompañados dos seus titores, cos que dende o primeiro momento se dirixiron ós servizos correspondentes a iniciar o seu traballo. As medidas que os responsables de Docencia lles adiantaron nesta sesión non se diferencian das que teñen que seguir o resto de profesionais da Área, entre outras: “emprego obrigatorio da máscara en todo momento, tanto en espazos abertos como pechados, e independentemente da distancia de seguridade”; “insistencia na hixiene de mans constante tras cada actuación e previa á mesma”; e “a tarxeta de identificación sempre visible”, xa que “os pacientes teñen dereito a saber con quen están a falar”.
Intensificar a formación en áreas específicas
Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais. Polo tanto, o obxectivo xeral desta rotación na área sanitaria ferrolá é que os estudantes pasen por áreas específicas durante períodos de tempo concretos. A organización corresponde ós coordinadores docentes de cada centro seguindo as instrucións e plans de estudo que proveñen da facultade de medicina e odontoloxía, e organízanse quendas para que todo o alumnado pase por diferentes materias clínicas, cirúrxicas, e de servizos centrais, tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde.
Así, aproxímanse a Medicina Interna, Medicina Intensiva (UCI), Medicina Preventiva, Dixestivo, Dermatoloxía, Endocrinoloxía, Cirurxía Vascular, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Neuroloxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Psiquiatría, Anestesia, Reumatoloxía, Nefroloxía, Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Rehabilitación, Pneumoloxía, Uroloxía, Urxencias e os Centros de saúde. Como novidade, tamén rotarán polo punto de coordinación covid da Área sanitaria de Ferrol, dada a especial relevancia de coñecer os protocolos, e a coordinación de información e das probas que se realiza dende este punto.
Posteriormente, fanlle un exame de tódalas materias en Santiago de Compostela, unha Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada (ACOE) de habilidades necesarias, e que se consideran básicas na atención ós pacientes. As denominadas estacións, coas que os avalían, son situacións clínicas nas que hai que actuar dun xeito común a todas elas, non só dende o punto de vista clínico, senón dende a actitude: comunicación e trato ó paciente; atención á familia; saúdo inicial; habilidades clínicas básicas, como a realización da entrevista clínica ou as técnicas de exame físico; habilidades preventivas; orientación diagnóstica e solicitude de probas complementarias; toma de decisións; ou manexo de material técnico.

 
SAÚDOS,
COMUNICACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss