UN TOTAL DE 29 PROFESIONALES COMIENZA SU FORMACIÓN RESIDENTE EN EL ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 09 2020

Os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol deron a benvida esta mañá, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ós 29 novos profesionais que inician a súa formación residente tanto no Complexo Universitario como nos distintos centros de saúde da Área ferrolá. Do total dos 29 novos profesionais que escolleron a Xerencia Integrada de Ferrol para a súa formación, 8 formaranse en Medicina Familiar e Comunitaria, 1 en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, 1 en Medicina Interna, 1 en Obstetricia e Xinecoloxía, 1 en Pediatría, 1 en Psiquiatría, 1 en Psicoloxía, 1 en Radiodiagnóstico, 1 en Farmacia Hospitalaria, 1 en Uroloxía, 1 en Oftalmoloxía, 1 en Cirurxía Xeral, 1 en Dermatoloxía, 1 en Aparello Dixestivo, e 1 en Anestesia, especialidade que se engade como novidade este ano.
Ademais, comezan a se formar igualmente  2 residentes de Enfermaría Obstétrico-xinecolóxica (matrona); 4 residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria, e 1 de Enfermaría de Saúde Mental, especialidade que tamén se engade como novidade este ano. Con respecto a isto, lembrar un ano máis que Ferrol, xunto con Coruña, foi das primeiras Áreas de Galicia en acreditar a formación da especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Na Área Sanitaria ferrolá, polo tanto, hai actualmente 20 especialidades acreditadas para a formación de residentes ó engadir a acreditación de Anestesia e Reanimación e de Enfermaría de Saúde Mental.
Estaranse a formar, coas novas incorporacións, neste novo período 2020-2021, un total de 98 profesionais nos distintos ámbitos, coordinados e supervisados por 58 titores e os correspondentes colaboradores docentes. No acto desta mañá, estiveron o xerente, Ángel Facio Villanueva; a directora de Procesos de Soporte, Fernanda López Crecente; o presidente da Comisión de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López de los Reyes; e a presidenta da Comisión de Docencia da Atención Familiar e Comunitaria, Portal González Lorenzo.
Coa presencia dos titores, dos que tanto a xerencia como os responsables de docencia coincidiron en afirmar que “nunca se lles pode agradecer o suficiente todo o seu traballo”, achegáronlles ós novos profesionais unha serie de reflexións: “Nestes tempos tan complexos no que todo son incertezas estamos aquí para axudarvos”; “estamos moi orgullosos de que escollerades esta área”, e garantíronlles que ían “aprender e estar a gusto”. Continuaron nesta benvida afirmando que “a área ten un tamaño adecuado para a aprendizaxe e, tamén, a implicación dos profesionais”. “O mellor xeito de aprender é facer”, engadiron; e incidiron en “non esquecer a confidencialidade”, e en que “se traballa para a poboación, e que a asistencia sanitaria é o máis importante”.
Como sucedía o pasado luns na benvida ós alumnos de sexto de Medicina, os responsables docentes quixeron reiterar as importantes medidas neste peculiar contexto que se está a vivir por mor da covid, e que provocou que este acto de benvida fora moito máis reducido do habitual. A través dun código QR, adiantábanlles esta mañá moita da información clave necesaria, na que se inclúen diversas normativas, itinerarios formativos, protocolos e recomendacións, que non se diferencian das que teñen que seguir o resto de profesionais da Área, entre outras: “emprego obrigatorio da máscara en todo momento, tanto en espazos abertos como pechados, e independentemente da distancia de seguridade”; “insistencia na hixiene de mans constante tras cada actuación e previa á mesma”; e “a tarxeta de identificación sempre visible”.
Tipo de formación
En termos xerais, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, estes 8 novos médicos residentes comezarán traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotarán nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizarán a partir de hoxe as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e nos Puntos de Atención Continuada.
De xeito global, a supervisión do traballo destes novos 29 residentes corre a cargo dun total de 58 titores que serán a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación final.
Inician tamén este ano a súa formación de Enfermaría Interna Residente, tanto da especialidade de Medicina  Familiar e Comunitaria, como de Obstétrico Xinecolóxica (matrona), e a nova de Saúde Mental 8 profesionais, tras pasar un exame EIR a nivel nacional. Ós anos de formación académica dos e das profesionais de Enfermaría, engádense estes dous anos máis de especialización, nos que, afondan en tódolos ámbitos relacionados coa atención sanitaria tanto á muller como no ámbito familiar e comunitario, tendo asignado un titor que seguirá a súa aprendizaxe.
Os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes. O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno.
Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss