A Unidade de Diálise domiciliaria do Servizo de Nefroloxía do CHUS implanta un sistema de diálise peritoneal para a telemonitorización dos seus pacientes
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2020

Santiago de Compostela, 12 novembro de 2020 – O Servizo de Nefroloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de implantar o proxecto HomeChoice Claria, un sistema de diálise peritoneal automatizada (a modalidade de tratamento sustitutivo renal que permite aos pacientes tratarse no seu domicilio mentres dormen) que incorpora Sharesource, unha nova plataforma de comunicación e xestión remota bidireccional baseada na nube, para a telemonitorización do paciente.

 

 
Con ela, os profesionais sanitarios poderán dispoñer de acceso aos datos máis relevantes do tratamento domiciliario do paciente, sen necesidade de que este se desprace ao hospital ou ao centro de diálise. O sistema recompila automaticamente os datos do tratamento de diálise que o paciente realiza diariamente no seu domicilio e organízaos nun informe ao cal o persoal sanitario da UDD pode acceder e consultar facilmente as 24 horas do día, sete días á semana, 365 días ao ano.
 
Así, “baseándose nesta información precisa, mellórase a capacidade de resposta ante calquera incidencia, facilitando un seguimento clínico máis estreito e o axuste de maneira remota das pautas de tratamento de diálise prescritas”, subliña Rafael Alonso, responsable da Unidade de Diálise Domiciliaria. “Igualmente, a plataforma asegura un aumento do control, a seguridade e a adherencia do paciente ao tratamento, un dos retos máis importantes que ten por diante o sistema sanitario”, engade o Dr Alonso.
 
Co novo sistema redúcese o número de visitas non programadas e evitables e acádase un equilibrio máis eficaz para o persoal sanitario entre o tempo que dedican a coidar de forma proactiva e o que invisten en solucionar incidencias de forma reactiva. Isto cobra unha especial relevancia tendo en conta que a enfermidade renal crónica avanzada (ERCA), que afecta ao 0,1% da poboación en España, supón o 3% do gasto sanitario, o que a converte nun dos principais problemas de saúde pública no país.
 
A implementación desta tecnoloxía de vangarda supón un paso adiante no tratamento destes pacientes: ofrece cadros de mando cos datos diarios dos tratamentos, alertas gráficas, avisos configurables, a evolución dos datos históricos dos tratamentos e a posibilidade de analizar a información, así como a elaboración de informes personalizados.
 
Diálise peritoneal: mellor calidade de vida para o paciente
A diálise peritoneal é a que utiliza unha membrana abdominal (peritoneo) como filtro natural para eliminar as toxinas urémicas do torrente sanguíneo e manter a homeostase do medio interno (principais funcións do ril, entre outras). Esta técnica permite aos pacientes con ERCA que precisan tratamento sustitutivo renal tratarse no seu domicilio, adaptar o tratamento ao seu modo de vida, ofrecéndolles maior autonomía, mobilidade e intimidade mellorando en última instancia a súa calidade de vida. Esta terapia proporciona unha maior supervivencia inicial e é posible en gran número de doentes con tratamento sustitutivo.
 
A telemonitorización mellora os resultados das unidades de diálise domiciliaria ao aumentar o control, a seguridade e a adherencia do paciente ao tratamento. Isto permite ao persoal sanitario da Unidade dedicar máis tempo á asistencia dos pacientes e desta maneira evitarlles desprazamentos ao hospital ante calquera incidencia na súa terapia, cambiando por tanto de paradigma no coidado de pacientes con enfermidade renal crónica avanzada.
 
Unidade de Diálise Domiciliaria do CHUS
51 pacientes foron atendidos na Unidade de Diálise Domiciliaria o pasado ano: deles, 48 no Programa de Diálise Peritoneal e 3 de Hemodiálisis Domiciliaria. Cada vez máis pacientes benefícianse da técnica de Diálise Peritoneal Automática (asistida por unha cicladora mentres o paciente durme), xa que pasaron de empregala o 32% dos pacientes no ano 2016 a beneficiarse o 51% no ano 2019 (mentres o 49% restante realizou a modalidade Diálise Peritoneal Continua Ambulatoria, a realizada manualmente polo paciente).
 
Ademais, durante o pasado ano, coa colaboración do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, foron implantados 19 catéteres peritoneais por vía laparoscópica, dous recambios e unha recolocación de catéteres disfuncionantes. Mostra do carácter ambulatorio e a baixa taxa de hospitalización dos pacientes que realizan esta técnica de terapia sustitutiva renal é a evolución no número de intercambios manuais realizados no Hospital: no ano 2014 realizáranse 1.270 intercambios e tan só 255 en 2019. A taxa de mortalidade da técnica no noso Hospital en 2019 foi do 2%, por baixo da taxa do Rexistro Nacional que foi do 10%. Nos últimos 9 meses de actividade do Programa de Transplante Renal do Hospital Clínico, un total de 17 pacientes do Programa de Diálise Peritoneal foron trasplantados de ril.

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss