Un 7,2% dos recén nacidos no Hospital Clínico son prematuros e 46 bebés naceron con menos de 32 semanas de idade xestional
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2020

Santiago de Compostela, 16 novembro de 2020.-  O Servizo de Neonatoloxía da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza súmase á celebración do Día Mundial do Prematuro que se conmemora cada 17 de novembro. Con tal motivo e continuando co seu proceso de humanización presenta un libro “Palabras que confortan”  dirixido aos familiares dos recén nacidos (RN) que ingresan na UCI neonatal.

 

Segundo a  doutora Luz Couce, xefa de servizo de Neonatoloxía, esta publicación está  destinada “particularmente aos pais e nais dos grandes prematuros e inclúe cartas dos profesionais pero tamén, e sobre todo,  dos pais e nais dos bebés que estiveron ingresados contando as súas vivencias e alentándoos para que estes momentos difíciles sexa máis soportables”. As ilustracións son froito da colaboración coa Fundación Andrea.
O número de prematuros que naceron no Hospital Clínico Universitario de Santiago permanece estable, 125  en total, o que supón o 7,2% dos RN, porcentaxe similar ao que sucede no resto de España. Sen embargo, o número de grandes prematuros que ingresan no servizo de Neonatoloxía aumentou, pois levan ingresados 46 RN con menos de 32 semanas de idade xestacional ou menores de 1.500 gramos. Esta é unha cifra xa lixeiramente superior á rexistrada a 31 de decembro de  2019 (40 RN)
Ata o momento no que levamos de ano houbo un total de 40 partos de xemelgos e 1 de trillizos.
Ningún caso este ano con enterocolite necrosante
A doutora Couce destaca “que este ano non tivemos ningún caso de enterocolite necrosante, unha patoloxía intestinal grave que ten a nivel mundial unha prevaleza dun 8-10% de todos os RN grandes prematuros. Nesta gran noticia inflúe o noso Banco de Leite humano doador, xa que o leite materno é un factor protector por esta enfermidade. Tamén inflúe as melloras tecnolóxicas das que se beneficiou o servizo”.
O servizo de Neonatoloxía conta cunha Unidade de Referencia a nivel nacional para Enfermidades Metabólicas Conxénitas  (CSUR) e unha Unidade de Referencia Autonómica para hipotermia neonatal activa. No 2016 comeza a funcionar o Banco de Leite Humano doado, que é referencia para outros hospitais das provincias da Coruña e Lugo. Recentemente recibiu a acreditación 2D pola norma internacional da OMS e UNICEF na Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e Lactación (IHAN).
Ten unha dotación de 35 camas das que 9 son de UCI Neonatal e 10 de coidados Intermedios de Alta Complexidade na que prestan os seus servizos 56 profesionais sanitarios. Conta con todo tipo de técnicas diagnósticas e terapéuticas necesarias na práctica da neonatoloxía avanzada: ventilación alta frecuencia, óxido nítrico, hipotermia activa, monitorización de función cerebral,  hemofiltración e outras técnicas de diálise. Realízase,  cando é preciso, cirurxía na UCI neonatal.
 
 
SAÚDOS

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss