A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA REALIZOU UN ENCONTRO VIRTUAL CO CONSELLO ASESOR DE PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 12 2020

Santiago, 18 de decembro de 2020.-  A xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza convocou un encontro virtual co Consello Asesor de Pacientes no que participaron unhas 20 asociacións das 31 citadas. Á xuntanza celebrada onte asistiron a Xerente da Área, Eloína Núñez, o Director Asistencial, Alfonso Varela, o director do distrito sanitario da Barbanza, Salvador Mariño e a Subdirectora de Calidade Asistencial, Humanización e Atención á Cidadanía, Beatriz Pais.

Nela deron conta da situación da pandemia a causa do COVID-19 na área e nos distintos hospitais. Tamén se detallaron os investimentos realizados (ampliacións e melloras das urxencias no Clínico e na Barbanza, os novos centros de saúde como o do Milladorio e a Estrada, a creación do CESIS, a posta en marcha da Rehabilitación Cardíaca no Hospital da Barbanza, entre outros)  e os proxectos para o vindeiro ano xa presupostados  (ampliación do Clínico, mellora e ampliación da UCI, creación unidade de ICTUS, tecnoloxía HIFUS para cirurxía do Párkinson e dos Tremores Esenciais, obras en Farmacia....). Asemade tamén se expuxeron as liñas a seguir en humanización tales como a mellora da sinalización e da identificación dos profesionais, campaña de difusión dos dereitos e deberes dos pacientes e o anuncio de novos contidos no apartado específico na web.

 
Pola súa banda, os asistentes das distintas asociacións mostraron o seu agradecemento por poder continuar coas reunións a pesar da situación a causa do coronavirus e manifestaron o seu desexo de que continúen. Tamén destacaron a importancia de poder contar co espazo asociativo que se puxo á súa disposición. Transmitiron algunha suxerencia e fixeron propostas que foron recollidas pola dirección. A vindeira reunión celebrarase no primeiro cuatrimestre do ano que ven.
 
O Consello Asesor de Pacientes trátase dun órgano de asesoramento da Área Sanitaria de Santiago que naceu hai dous anos coa finalidade de mellorar a seguridade dos e das pacientes, dos seus familiares e das persoas coidadoras, fomentando os niveis de participación e facilitándolles aos e ás pacientes a información necesaria para a toma de decisións. Entre os obxectivos incluídos na estratexia do Sergas 2020, en cuxa elaboración participaron as/os doentes a través das asociacións que os representan, incídese na concesión aos e ás pacientes de maiores cotas de poder, dándolles formación e información, para así axudalos a mellorar o seu estado de saúde. Tamén se fai fincapé en incrementar, nas persoas usuarias do servizo galego de saúde, o sentimento de propiedade e de corresponsabilidade na xestión do Sistema público de saúde.
 
As funcións do consello son asesorar sobre os aspectos, actividades, procedementos ou servizos que teñan impacto sobre as condicións da asistencia sanitaria, prevención da enfermidade e mellora da saúde e autonomía persoal que, con carácter xeral, afecten aos e ás pacientes, así como ás familias e ás persoas físicas ou xurídicas; colaborar nos termos e condicións que se acorden sobre os contidos das guías de información dirixidas aos /ous ás pacientes que, dalgún modo, lles afecten; mellorar a seguridade, colaborar no deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionalidade e realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidado dos e das pacientes.
 

 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss