A XUNTA DE GALICIA INICIARÁ ESTE ANO A CONSTRUCIÓN DO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE OLIMPIA VALENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 01 2021

​“O novo Centro de Saúde Integral representará unha oportunidade de mellora dos servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio de As Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se presta na actualidade”. Con estas palabras explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, os beneficios para a cidade de Vigo do futuro Centro de Saúde Integral Olimpia Valencia, cuxo proxecto foi presentado hoxe .

No transcurso desta presentación, o conselleiro -que estivo acompañado pola delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xefe de servizo de López Mora, Alberto Bravo; e o arquitecto Eduardo Herraez-, asegurou que a nova infraestrutura sanitaria vaise acometer este ano, para o que xa están consignado 1 millón de euros dirixidos á licitación e inicio da obra.
 
O futuro CIS, que emprazarase no antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín unha vez trasladados estes á Cidade de Xustiza- beneficiará a unha poboación de 42.000 persoas.
 
O obxectivo fundamental da nova infraestrutura é substituír ao centro de saúde de López Mora, que está obsoleto, presentando unhas condicións estruturais que son mellorables,  cunha evidente limitación espacial que condiciona o seu crecemento e desenvolvemento.
 
Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de atención primaria e dotar a esa zona daquelas prestacións que, a día de hoxe, non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde, como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia.
 
Novas prestacións sanitarias
O proxecto presentado hoxe contempla unha superficie de 7.370 m2 construídos que será distribuída en 6 plantas. Ademais dos servizos básicos de Medicina de Familia,
Pediatría, Enfermería, Telemedicina e imaxe médica, Cirurxía menor, sala de técnicas de alta resolución de Enfermería, Ecografía, Traballo social e Matrona, contará coas novas prestacións de Fisioterapia, Farmacia e Saúde bucodental.
 
Así, segundo describe a proposta arquitectónica, incluirá os seguintes espazos:

    • Área de Recepción: con 8 postos de recepción/citación, despacho administrativo, almacén de cadeiras de rodas e padiolas, 1 consulta de urxencias e sala de observación de urxencias.
    • Área de Atención Clínica: 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 1 de farmacia, 6 gabinetes polivalentes, 1 sala de extraccións, 2 salas de técnicas.
    • Área de Pediatría: 8 consultas de pediatría, 8 de enfermería pediátrica, 1 sala de atención, 1 sala de lactancia.
    • Área de Atención á muller: 2 consultas, 1 aula preparación de parto, almacén e vestiario para a aula.
    • Área de Docencia: 2 consultas de docencia MIR, 2 consultas de docencia enfermería.
    • Área de Saúde Bucodental: 1 consulta odontólogo, 1 consulta hixienista dental.
    • Área de Rehabilitación: 2 Consultas fisioterapia, 6 Cabinas de tratamento, 1 Ximnasio de fisioterapia, e 2 vestiarios.
    • Área de Telemedicina:  1 Sala  de sistemas avanzados de telemedicina
    • Outras Áreas: 2 Consultas de Asistencia social, 2 despachos coordinación, 1 almacén de dispensación de farmacia ambulatoria, e 2 vestiarios.
    • Área de Persoal: 1 Sala de xuntas/biblioteca, 1 sala de estar de persoal.
 

 Ademais, contará tamén cunha base do 061.

90 profesionais

O número de profesionais do CIS será de 90 aproximadamente (o persoal dos servizos de primaria actuais que se integrarán no novo centro, máis o que corresponderá á atención ás novas prestacións).
 
O seu horario de funcionamento será de 8.00 a 22.00 horas, facilitando así aos profesionais a conciliación coa vida familiar, ao posibilitarlles a realización de quendas deslizantes ou rotatorias.
 
A ampla capacidade prevista para a nova infraestrutura sanitaria permitirá contar con dispoñibles suficientes que posibiliten liberar espazos doutros centros de saúde cando sexa necesario, atendendo á demanda poboacional, a incrementos de recursos -tanto humanos como materiais-, ou a incorporacións de novas prestacións.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss