INVESTIGADORES DO IDIS PARTICITPAN NUN ESTUDIO INTERNACIONAL QUE DEFINIU 9 XENES CRAVES NO RISCO DE CANCRO DE MAMA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 01 2021

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- A revista New England Journal of Medicine ( NEJM), líder no campo da medicina publicou esta semana novos e importantes achados en cancro de mama nun traballo con participación galega: Manuela Gago e Anxo Carracedo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela ( IDIS)-Fundación Galega de Medicina Xenómica e Esteban Castelao do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Este equipo dirixe o consorcio galego de cancro de mama BREOGAN ( BREast Oncology Galicia Network), que participou neste esforzo internacional na xenética do cancro de mama. Pacientes galegas formaron parte deste estudo que confirmou a importancia de 9 xenes crave na predición do risco de cancro de mama. O estudo concluíu que estes 9 xenes son os máis útiles, desde o punto de vista clínico, para a súa inclusión en tests de predición de risco e mellorar o consello xenético a pacientes e familiares. Ata hai pouco, ás persoas que tiñan antecedentes familiares de cancro de mama realizábanselle exames xenéticos que incluían un número limitado de xenes. As novas tecnoloxías permitiron engadir novos xenes a estes tests. De entre todos os xenes implicados, BRCA1 e 2 son os que confiren un maior risco, aínda que só explican unha proporción moi reducida dos casos de cancro de mama. Na gran maioría dos casos interveñen outros xenes que confiren un risco menor, pero ata a actualidade non se sabía con exactitude a importancia de cada un deles. Definir con precisión cales son os xenes principais que causan cancro de mama foi o obxectivo deste estudo. Confirmáronse como principais os xenes ATM, BRCA1, BRCA2, CHEK2, PALB2, BARD1, RAD51 C, RAD51D e TP53. O risco asociado con varios deles xa se coñecía con anterioridade, pero o risco asociado con outros como RAD51 C, RAD51D e BARD1 non estaba tan ben establecido. Os xenes ATM e CHECK2 foron asociados de maneira máis sólida co risco de cancro de mama de receptores de estrógeno positivos e os xenes BARD1, BRCA1, BRCA2, PALB2, RAD51 C e RAD51D co cancro de mama con receptores de estrógeno negativos. No estudo, pertencente ao proxecto europeo BRIDGES ( Breast Cancer Risk after Diagnostic Gene Sequencing), estudáronse 113.000 mulleres de todo o mundo, 60.000 delas son mulleres con cancro de mama, incluídas pacientes galegas do consorcio BREOGAN.
BREOGAN conta con mostras de sangue, ouriños e tecido tumoral, para realización de estudos xenéticos e proteómicos, e datos sobre factores de risco e variables clínico-patolóxicas, de 2.000 mulleres diagnosticadas con cancro de mama das áreas sanitarias de Vigo e Santiago. BREOGAN tamén conta con mostras de sangue e ouriños e datos epidemiolóxicos de factores de risco de 2.000 mulleres galegas libres de enfermidade pertencentes ás mesmas áreas sanitarias. Nos últimos anos, BREOGAN recibiu premios polo seu labor de investigación e estivo envolvido en proxectos nacionais e internacionais como o aquí presentado. Para a realización deste proxecto contouse, entre outros, cos fondos achegados pola asociación Vigo contra o Cancro. Sobre o IDIS O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela ( IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e a Universidade de Santiago, e ao que están vinculados 94 grupos e máis de 1.300 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e situou a Galicia como referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010. Os indicadores de actividade do ano 2019 dos investigadores do IDIS mostran incrementos en todas as súas áreas, destacando a subida do 10% de fondos captados (32 M€), a produción científica con máis de 800 publicacións; 65 novos contratos de persoal e o capítulo da transferencia con 44 patentes e 5 spin- offs.,

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss