A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE ACHÉGASE ESTA SEMANA A MÁIS DE 40 CONCELLOS GALEGOS CO OBXECTIVO DE OBTER ENTRE 400 E 500 DOAZÓNS DIARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 02 2021
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, doou sangue hoxe, nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García. A tal efecto, a Axencia apela á xenerosidade e solidariedade da cidadanía para que doen sangue.
 
Aínda que, nestes momentos, as reservas son adecuadas para garantir a subministración aos hospitais, o chamamento é xeneralizado á participación de todas e todos os doadores, lembrando a importancia da necesidade de manter o número de doazóns, especialmente dos grupos A e O Positivo, os de maior prevalencia.
 
Ao longo da presente semana as unidades móbiles de ADOS visitarán máis de 40 concellos galegos para facilitar o acceso á doazón da cidadanía,  co obxectivo de obter entre 400 e 500 doazóns diarias. Tamén pódese doar nos locais de atención ao doador de sangue, existentes nas sete grandes cidades galegas.
 
Así mesmo, desde ADOS lembran que estase a desenvolver a segunda fase da campaña de doazón en centros educativos, universitarios e non universitarios. Desprázanse as unidades móbiles da Axencia ata os centros educativos, o que supón o primeiro contacto coa doazón de sangue da mocidade.
 
Campañas informativas
A Consellería de Sanidade lembra que ADOS desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida á cidadanía e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a levar a cabo iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.
 
ADOS pon a disposición da cidadanía a súa web, http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss