A CONSELLERÍA DE SANIDADE CONVIDA AOS ESTUDANTES GALEGOS A PARTICIPAR EN CONCURSOS DE CURTAMETRAXES E DE CARTEIS COA FIN DE FOMENTAR A DOAZÓN DE ÓRGANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 02 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe, no Museo Pedagóxico de Galicia, diversas iniciativas postas en marcha polo seu departamento dirixidas ao alumnado galego, coa fin de fomentar a doazón e o transplante de órganos. O máximo responsable sanitario galego anima aos estudantes galegos a que participen nestas actividades, que promoven unha actitude solidaria e favorable ao xeneroso xesto da doazón e a importancia dos transplantes entre a nosa mocidade, permitindolles coñecer, de primeira man, unha parte fundamental do noso sistema sanitario.

En concreto, o titular da carteira sanitaria presentou tres actividades. A primeira delas, en colaboración coa Consellería de Educación, é a convocatoria do III Concurso de carteis para escolares relacionado coa doazón e os transplantes de órganos. Nesta actividade establécense dúas categorías, unha primeira, para 5º e 6º de educación primaria; e unha segunda, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Secundaria Obrigatoria. En ámbalas dúas, os participantes deben abordar a temática da doazón e os transplantes de órganos e tecidos nos seus traballos. Para cada unha destas categorías, concederase un primeiro e segundo premio, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente, destinados á adquisición de material escolar para o centro docente. Tamén haberá premios para o alumnado (tablets e cámaras de fotos).
 

A segunda das iniciativas dadas a coñecer polo conselleiro é o VII Concurso de curtametraxes para escolares relacionado coa doazón e os transplantes de órganos. Está dirixido ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior de todos os centros educativos. As curtametraxes deberán ser orixinais e inéditas, mudas ou sonoras, e se poden gravar en calquera dispositivo, mesmo teléfonos móbiles. Os traballos presentados poderán ser individuais ou en grupo de ata cinco autores por cada curtametraxe, e terán unha duración máxima de catro minutos. O primeiro premio é de 1.000 euros para o centro escolar e 1.000 euros a repartir entre o alumnado participante. O segundo premio é de 750 euros.

A terceira das iniciativas que presentou o conselleiro é o VI Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e transplante de medula ósea; que vai dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2020/21 nas universidades do sistema universitario de Galicia e nos centros da UNED da nosa comunidade. O primeiro premio é de 2.000 euros é o segundo de 1.500 euros.

Sinalar que, no acto, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; pola directora de ADOS, Marisa López García; e pola coordinadora autonómica de transplantes de ADOS, Encarnación Bouzas Caamaño.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss