O SERGAS PRESENTA O PROXECTO DE DECRETO DE EMPREGO PÚBLICO PARA PERSOAL ESTATUTARIO ÁS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 03 2021

 

O Servizo Galego de Saúde mantivo unha nova reunión coa Mesa Sectorial de Sanidade, na que presentou ás organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, o proxecto de decreto da oferta de emprego público para persoal estatutario do ano 2021.
 
Na reunión, á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, achegouse a previsión dunha convocatoria de 686 prazas nas diferentes categorías sanitarias (Enfermaría, Fisioterapia, Enfermaría especializada,...). Esta nova oferta, engadida ás anteriores, permitirá realizar unha oposición de 1.070 prazas de Enfermaría. Ademais, entre as novidades da convocatoria destaca que, por primeira vez, o Servizo Galego de Saúde, ofertará prazas na categoría de técnico superior en Dietética.
 
Do mesmo xeito, nas categorías de xestión e servizos (celador, grupo auxiliar da función administrativa, traballador social, persoal de mantemento,...) ofertaranse 452 prazas, das que 220 corresponderán á categoría de celador, e 155 a auxiliar administrativo.
 
No que atinxe ás categorías de licenciados sanitarios, ofertaranse 65 prazas do ámbito da atención primaria para médicos de familia, odontólogos e médicos coordinadores do 061. No seu conxunto o Servizo Galego de Saúde ofertará 1.203 prazas.
 
Ao número de prazas incluídas nestas categorías do decreto do 2021, hai que engadir outras prazas aínda pendentes de convocatoria, o que permitirá realizar convocatorias de categorías incluídas nesta oferta cun volume acumulado de 2.026 prazas.
 
Con esta oferta, esgotase a taxa máxima de reposición de efectivos. Neste senso, a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade teñen solicitado de xeito reiterado aos Ministerios competentes en materia de Facenda, Función Pública e Sanidade a eliminación da taxa de reposición actualmente vixente.
 
Acreditación do persoal de Enfermería para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano
No transcurso da xuntanza, tamén se lle presentou ás organizacións sindicais un anteproxecto de Orde que permitirá acreditar ao persoal de Enfermería, de todo o sistema sanitario galego, para a realización de indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, establecéndose un prazo para que se realicen alegacións.
 
A acreditación realizarase de oficio, sendo necesario que o persoal de enfermaría que desexe obter a acreditación estea dado de alta na Oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e), teña a titulación de grao ou diplomatura en Enfermería, e unha experiencia profesional mínima dun ano, ou ben superar un curso de adaptación que ofrecerá a Administración sanitaria de maneira gratuíta. Non será necesaria a solicitude e a acreditación ao xerarse automáticamente, de cumprirse cos requisitos.
 
Protocolo covid-19 en procesos selectivos
O Sergas presentou un protocolo covid-19 que ten por obxecto establecer os medios necesarios para protexer a seguridade e maila saúde das persoas implicadas nas oposicións do Servizo Galego de Saúde, namentres dure a situación de crise sanitaria ocasionada pola pandemia COVID-19.
 
Este mesmo mes, constituiranse xa os tribunais para as convocatorias en marcha de persoal facultativo especialista e técnicos sanitarios.
 
As medidas contempladas no devandito protocolo serán de obrigado e estrito cumprimento tanto para os membros que integren os tribunais como para os opositores, así como para todo o persoal que colabore na organización.  Neste sentido, será obrigatorio o uso de máscaras, a distancia interpersoal de seguridade e tamén se porá a disposición das persoas que interveñen no proceso selectivo mascaras e xeles hidroalcólicos, ademais de aplicar os límites de aforo, segundo as recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias.
 
Para acceder ao interior das dependencias onde se realicen os exames non se efectuará o chamamento individualizado dos aspirantes, como era práctica habitual. A acreditación para o acceso ao lugar de realización dos exames efectuarase mediante un código QR. Cada aspirante terá á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e) a acreditación persoal con código QR que xunto co seu documento de identidade lle permitirá o acceso ao recinto de realización da proba, de forma cómoda e áxil. Así mesmo, os opositores serán convocados por franxas horarias.
 
Do mesmo xeito, prevense especiais medidas de seguridade para os opositores inmunodeprimidos, opositoras embarazadas e aquelas persoas que presenten calquera outra circunstancia que supoña especial vulnerabilidade.
 
Análise da crise sanitaria en Galicia
No transcurso da xuntanza, as responsables sanitarias trasladáronlle ás organizacións sindicais o estado de situación actual da pandemia na comunidade autónoma, informando polo miúdo dos datos de incidencia acumulada dos casos de covid en Galicia, do incremento no número de cribados da última semana e da programación da vacinación na Comunidade Autónoma de Galicia.
 
Así, co obxecto de organizar e planificar o proceso xeneralizado de vacinación fronte a covid-19, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, ditou unha instrución que foi presentada ás organizacións sindicais. O proceso organizarase tendo en conta a dispoñibilidade semanal de doses de vacina, mais sempre co obxectivo último de vacinar no menor prazo posible á poboación galega.
 
A instrución prevé a vacinación por parte de persoal de enfermaría de atención primaria dentro da súa xornada de traballo, sen prexuízo de que se fose necesario conformaranse equipos de enfermaría para vacinar fora da súa xornada habitual. Para a realización desta actividade fóra da súa xornada, as xerencias realizarán unha oferta co obxecto de contar con persoal voluntario. Así mesmo, prevense escenarios de vacinación tanto en centros de primaria como en domicilio e en espazos de vacinación masiva.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss