A CONSELLERIA DE SANIDADE E ADOS AGRADECEN A EXCELENTE PARTICIPACIÓN DA CIDADANÍA NAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN DE SANGUE DURANTE UN ANO MARCADO POLA PANDEMIA DA COVID 19
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 03 2021
 

​A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentou esta mañá os datos de actividade da area de hemodoazón, poñendo de manifesto o excelente comportamento da cidadanía galega a prol da doazón de sangue, nun ano marcado pola pandemia da covid. A directora de ADOS, Marisa López García, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, salientaron o agradecemento sincero a todas e cada unha das persoas que posibilitaron que, no pasado 2020, recolleranse 104.637 doazóns, cifra que permitiu ofrecer unha resposta axeitada as necesidades hemoterápicas dos nosos hospitais.

 
 
Nesta presentación de datos, puxeron de manifesto que, a implementación de protocolos de seguridade e de reforzo informativo, posibilitaron as doazóns de sangue durante o pasado ano, especialmente durante os meses de confinamento, permitindo manter o abastecemento de sangue aos centros hospitalarios.
 
Ambos tiveron verbas de agradecemento, tanto para os doadores e doadoras de sangue, como para todos os profesionais da Axencia de Doazón de Sangue que, neses momentos iniciais de incertidume, amosaron o seu compromiso co noso sistema público de saúde.
 
Novos doantes
As 104.637 doazóns acadadas o pasado exercicio supuxeron obter unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Esta cifra sitúase lixeiramente por baixo das 109.330 doazóns acadadas no ano 2019, un descenso compresible tendo conta a situación de pandemia e considerando, ademais, que nos meses de marzo a maio, nos que se produciu un confinamento severo da poboación, debeuse suspender a segunda fase de doazón da campaña universitaria, que ten un peso específico considerable no volume de doazóns totais anuais.
 
ADOS agradece a todos os doantes o seu compromiso nestas especiais circunstancias e salienta que, no pasado ano, 5.778 persoas doaron sangue por vez primeira, incorporándose á actual base de doadores e doadoras de Galicia, que, na actualidade, supera as 413.300 doantes.

 

A directora da Axencia puxo en valor a contribución da cidadanía de toda Galicia e salientou a excelente taxa de doazón da provincia da Coruña, cun indice de 44 doazóns por cada mil habitantes e ano, e indicou, a falta de coñecer os datos definitivos de participación de todas as Comunidades Autónomas, que, case con seguridade, Galicia continuará sendo unhas das CCAA españolas con maior nivel de participación nas campañas de doazón de sangue.
  
PROVINCIA
DOAZÓNS 2018
DOAZÓNS 2019
DOAZÓNS
2020
TAXA DE DOAZÓN 2020
A Coruña
49.224
51.341
49.843
44/1.000
Lugo
7.616
8.671
7.788
24/1.000
Ourense
9.643
10.350
9.945
32/1.000
Pontevedra
39.515
38.968
37.061
39/1.000
TOTAL
105.998
109.330
104.637
39/1.000
 
Un aspecto salientable nas estatísticas de participación o pasado ano, foi a concentración do 47% das doazóns nas sete grandes cidades galegas, nas que se rexistraron 49.526 doazóns, cifra que supón un índice de 50/1.000. A cidade de maior taxa de doazón foi Santiago de Compostela, cunha taxa de 94/1.000, aínda que en número de doazóns foi a cidade de Vigo a que obtivo a cifra meirande, con 13.497 doazóns de sangue.
 
A reorganización de todo o operativo preciso para garantir durante a situación de pandemia a obtención e distribución de compoñentes sanguíneos, por parte de ADOS esixiu dun esforzo sen precedentes e motivou a posta en funcionamento dun programa de cita previa telefónico para garantir o acceso da cidadanía, así como un intenso reforzo a nivel de medidas de seguridade e de información.
 
Neste sentido, tanto o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas como a directora de ADOS, agradeceron a boa disposición e colaboración de todos os concellos de Galicia, así como das empresas, centros educativos universitarios e non universitarios, colectivos de voluntarios, etc, para posibilitar o mantemento dunha actividad esencial durante estes meses que estamos a vivir. Ambos coincidiron en poñer de manifesto un especial agradecemento aos 26.232 cidadáns que doaron sangue entre os días 13 de marzo e 21 de xuño do pasado ano, durante o período de alarma decretado pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia.
 
Participación por concellos
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que o concello con maior participación de Galicia foi o de Padrón, con 833 doazóns, o que lle permitiu acadar un índice de 100 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
 
Na provincia de Lugo, Meira foi o concello de maior taxa de doazón, cun índice de 51/1.000; na provincia de Ourense, Allariz obtivo unha taxa de 60/1.000, e na provincia de Pontevedra, o concello de maior participación foi A Guarda con 70/1.000.
 
Por outra banda, tanto a directora de ADOS como o director xeral de Asistencia Sanitaria non quixeron esquecer a posta en funcionamento durante os meses de confinamento do programa de captación de doazóns altruístas de plasma hiperinmune, procedente de doentes que superaron a covid, e que supuxo unha vía de investigación salientable en colaboración cos principais hospitais de referencia de Galicia.
 
Compromiso coa calidade
Jorge Aboal quixo salientar o compromiso de ADOS cos máximos estandares de calidade que se poden obter no eido sanitario, xa que, na actualidade, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditación da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).
 
Así mesmo, durante o ano 2021 continuarase co programa de melloras infraestruturais iniciado hai cinco anos coa adquisición dunha nova unidade móbil que vén completar a renovación da parque de vehículos de ADOS, e que xa tivo o seu precedente o pasado mes de febreiro deste ano coa posta en funcionamento dunha nova móbil na área sanitaria de Vigo.
 
Dentro deste programa de mellora constante no servizo á cidadanía, ADOS incorporará, o vindeiro mes de abril, a posibilidade de consultar, grazas a integración no IANUS, as doazóns de sangue e as súas correspondentes análiticas a todos os doantes. O acceso a estes datos poderán realizala todos os doantes mediante a plataforma E-Saude.
 
Marisa López e Jorge Aboal fixeron un chamamento á cidadanía para que continúen participando activamente nas campañas de doazón de sangue, especialmente nestas xornadas previas aos festivos de Semana Santa. Así mesmo, manifestaron o recoñecemento a todas as persoas, institucións, empresas e asociacións que colaboran nas campañas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e, especialmente, a todas as persoas que doaron sangue no 2020, un ano que quedará marcado no recordo de todos nós, e no que, máis que nunca, toda a cidadanía é consciente da importancia fundamental do noso sistema público de saúde e do compromiso dos nosos profesionais.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss