A XUNTA DE GALICIA, PRIMEIRA ADMINISTRACIÓN EN ESPAÑA EN INCORPORAR Á SANIDADE PÚBLICA A TÉCNICA HIFU PARA DOENTES CON TREMOR ESENCIAL E PÁRKINSON
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 03 2021

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia é a primeira administración pública en España en incorporar a técnica HIFU para tratar doentes con Tremor Esencial Refractario e con Párkinson. Dito sistema, de recente creación, ten amosado uns resultados espectaculares de xeito inmediato cunha gran seguridade e sen apenas contraindicacións. O emprego de ultrasóns de alta frecuencia será unha nova alternativa terapéutica para uns 600 doentes galegos que padecen tremor esencial ou párkinson e nos que os fármacos non son eficaces nin se lles pode realizar estimulación cerebral profunda (procedemento cirúrxico que se realiza na Área Sanitaria de Santiago de Compostela).

Tras un investimento de 1,8 millóns de euros un equipo multidisciplinar de neurólogos, neurocirurxiáns e neurorradiólogos tratou onte, xoves 25 de marzo, no Hospital Clínico de Santiago, ao primeiro doente na sanidade pública española. A intervención foi un éxito e tras pasar unha noite de control hospitalizado recibiu a alta esta mañá. No equipo presente na primeira aplicación interviron os neurólogos José María Prieto, Ángel Sesar, Begoña Ares e Gustavo Fernández Pajarín, os neurocirurxiáns Miguel Gelabert, Eduardo Arán e o neurorradiólogo Miguel Blanco.

A terapia con ultrasóns de alta frecuencia guiados por Resonancia Magnética cerebral (HIFU) baséase en concentrar por estereotaxia haces de ultrasóns de alta enerxía que producen unha lesión térmica de menos de 3 mm no punto de interese. A duración do acto cirúrxico é de preto de 1 hora e o doente pode ser dado de alta nas seguintes 24 horas cunha melloría clínica no tremor de máis dun 80% respecto á súa situación previa. A eficacia mantense no tempo, polo  de agora só ten 5 anos de experiencia, e non ten límite de idade na súa aplicación.
 
A Unidade de Cirurxía do Párkinson e Trastornos do Movemento do CHUS conta con máis de 20 anos de experiencia e son os únicos de Galicia, e un dos 8 de España, que realiza a Estimulación Cerebral Profunda (ECP) é dicir, a implantación de electrodos no cerebro do enfermo para que estimulen os  núcleos subtalámicos e reduzan os síntomas da enfermidade (tremores, rixidez e falla de movemento). Desde 2006 é CSUR (centro nacional de referencia) para o diagnóstico e tratamento destes trastornos.
 
Tremor esencial e párkinson
O tremor esencial e o párkinson son dúas enfermidades moi prevalentes na poboación, especialmente na de máis idade, afectando a un total duns 4.000 galegos. Aproximadamente a metade dos doentes teñen efectos secundarios e / ou  non responden ao tratamento. O 45 % destes doentes tiñan como alternativa, ata o de agora, a cirurxía de estimulación cerebral profunda (ECP), na que o Hospital Clínico é centro de referencia galega e posteriormente estatal desde hai 20 anos, polo que trata a doentes de outras comunidades autónomas.
 
Son dúas patoloxías moi discapacitantes. O tremor esencial obedece a múltiples causas e calcúlase que afecta del 0.4 al 3.9% da poboación xeral. Ademais dos tremores, especialmente nas extremidades superiores, tamén se ten identificado unha disfunción cognitiva. Os doentes con TE tamén poden presentar tremor na voz e o tremor nas extremidades maniféstase especialmente coa acción, por exemplo ao escribir, comer o verter líquidos, o que provoca que os doentes con tremor máis intenso vexan moi limitada a súa actividade diaria habitual.
 
A enfermidade de Párkinson é unha enfermidade de múltiples sistemas neuronais. Os síntomas máis recoñecibles son tremor no repouso, rixidez e acinesia (perda de amplitude e velocidade do movemento). Ademais presenta síntomas non motores, menos coñecidos pero de gran relevancia, como depresión, apatía, dor, perda de olfacto e trastornos do soño (insomnio, fragmentación ou parasomnia). É unha enfermidade progresiva e ana súa evolución poden aparecer múltiples complicacións. As alteracións do equilibrio e dos reflexos posturais poden provocar inestabilidade e caídas e na súa evolución é frecuente certo deterioro cognitivo, trastornos do comportamento entre outras.
 
O párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente, Amosa unha alta incidencia na 6ª e 7ª década da vida aínda que un 15-20% dos casos se desenvolve antes dos 50 anos. A súa incidencia aumenta exponencialmente coa idade e 5 de cada 100 persoas maiores de 85 anos padecen EP. Ten unha prevaleza de 120-160 casos por cada 100.000 habitantes.
 
 

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss