A CHEGADA DE 2.000 VACINAS MÁIS DE MODERNA E PFIZER FAI QUE SE HABILITE TAMÉN O PUNTO DE VACINACIÓN DO HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE PARA A PROTECCIÓN DOS MAIORES DE 80 ANOS NO QUE RESTA DE SEMANA SANTA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 04 2021

​Incorpórase tamén o punto de vacinación do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para a vacinación do colectivo de maiores de 80 anos durante estes días que restan da Semana Santa. Chegaban á Área Sanitaria de Ferrol un total de 2.000 vacinas máis (500 de Moderna e 1.500 de Pfizer) co que se tenta adiantar ó máximo a protección deste colectivo. Polo tanto os maiores de 80 anos poderán ser citados estes días tanto nos puntos de vacinación dos centros de saúde, como nos dous puntos hospitalarios: no Hospital Naval, andar cero, no Hospital de Día; e no Hospital Arquitecto Marcide, andar cero, sala de extraccións Laboratorio.

 
Recordar que durante todos estes festivos se estaba a vacinar nos dez puntos dos centros de saúde da Área; e que se habilitara, o pasado mércores, o novo punto no Hospital Naval polo que están a pasar 250 persoas cada tarde ata alcanzar as máis de 1.700 previstas que se iniciaban o mércores só nese punto. Agora engádense estas 2.000 doses de vacina máis que se administrarán tamén no Hospital Arquitecto Marcide.
 
O equipo de vacinación da Área Sanitaria de Ferrol continúa a vacinar fronte a Covid igualmente en domicilio de grandes dependentes, cunha media de entre 20 e 25 domicilios diarios; e, tamén, a vacinación de grupos esenciais, no Hospital Arquitecto Marcide. É posible grazas ó intenso traballo do persoal de Enfermaría e de administración de Citas da Área que permite acelerar a protección fronte a Covid nestes días.
 
Así, vacinación tanto da primeira dose como da segunda nos dez puntos dos centros de saúde (centros de saúde de Fontenla Maristany, Caranza e Serantes, en Ferrol; Narón, Cedeira, Fene, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes e San Sadurniño); e, tamén, neste novo punto no Hospital Naval diariamente durante a Semana Santa ata alcanzar as 1.700 doses ó colectivo de maiores de 80 anos; e no punto do Marcide a maiores coa chegada destas 2.000 doses máis. Lembrar que existe un equipo de 8 persoas especialmente creado para a citación da vacinación fronte á Covid ó que se suma o persoal de cita previa do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que comezaba a citar dende este mércores, mañá e tarde, ás persoas para os días da Semana Santa. Ademais, na Área Sanitaria ferrolá, hai destinados 12 profesionais de Enfermaría formados especificamente para a realización da protección fronte a Covid, e ós que se ten sumado xa tamén persoal de Enfermaría dos centros de saúde e a colaboración de persoal de Preventiva e de Riscos Laborais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss