A NOVA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN DE ICTUS NO CLÍNICO DE SANTIAGO ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO EN XULLO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 06 2021

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021.- O vindeiro mes de xullo entrará en funcionamento a nova Unidade de Hospitalización de Ictus no Hospital Clínico de Santiago. Cun orzamento conxunto de 450.000 euros para obra e equipamento, esta reforma na planta de neuroloxía permitirá a creación dun novo espazo común cun control para a atención aos doentes con Ictus que contará con 6 camas, un control e nova monitorización 24 horas.

A directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, María Jesús Piñeiro, visitou as obras de reforma xunto á xerente da área Eloína Núñez e o xefe do Servizo de Neuroloxía, José María Prieto. Xa están rematados os traballos previos de distribución, instalacións técnicas e climatización e está listo para incorporar o mobiliario e equipamento médico, xa adquirido e a disposición.

 
Unidade de Ictus
A área sanitaria compostelá creou a primeira unidade de Ictus de Galicia no 2004 e foi o centro de referencia para toda a comunidade ata a posta en marcha do Plan Ictus de Galicia en 2016.
 
Cada 6 minutos o Ictus mata a unha persoa en España. Cada ano, arredor de 130.000 españois sofre un ictus, sendo a segunda causa de mortalidade en España, a primeira en mulleres. Segundo as estimacións, un terzo dos doentes que sofre un ictus falece e outro sufrirá discapacidade, o que lle impedirá valerse por si mesmo. É a primeira causa de discapacidade en idade adulta e a segunda causa de demencia.
 
No ano 2020, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago ingresaron 604 pacientes con ictus (520 con ictus isquémicos e 84 hemorraxias cerebrais). Grazas á existencia da unidade de Ictus, o 48% dos doentes que acudiron a Urxencias aqueixados cun accidente cerebrovascular (1.258 en total) puideron ser dados de alta desde o propio servizo de urxencias. A existencia dun equipo multidisciplinar permitíu realizarlles un  estudo diagnóstico completo que revelou con garantías que a súa situación clínica o permitía. O tratamento do ictus require de persoal especializado e adestrado.
 
Os doentes con ictus isquémico que acoden aos servizos de urxencias nas primeiras catro horas e media tralos primeiros síntomas poden beneficiarse dos tratamentos máis eficaces e específicos para esta doenza.
 
Así, unha das técnicas complexas que están revelando gran eficacia nestes casos seleccionados é a revascularización endovascular. Existen diferentes técnicas de revascularización endovascular, entre elas a trombectomía mecánica (disrupción e/ou extracción do trombo mediante o emprego de diferentes dispositivos) e técnicas combinadas (administración de fibrinolíticos en veciñanza do trombo). Todas elas poden asociarse como técnicas de rescate tras a fibrinolise intravenosa, conseguindo maiores taxas de recanalización arterial, o que mellora a recuperación funcional dos pacientes.
 
O Hospital Clínico Universitario de Santiago é un dos centros de atención ao ictus de Galicia e foi o primeiro en contar cunha unidade específica para esta patoloxía. Foi tamén pioneiro en ter unha unidade de atención as 24 horas e é líder no tratamento e investigación do ictus en Galicia.
 
Investimentos na área de Santiago 2021

 

A Xunta de Galicia desenvolve neste ano 2021 inversións por máis de 10 millóns de euros en diversas obras e reformas nos centros da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Nomeadamente, e xunto cos 450.000 euros destinados á nova Unidade de Ictus, a Xunta destina 4  millóns de euros para a reforma e equipamento do Servizo de Farmacia hospitalaria; un importe de 1.460.000 euros para a  reforma da UCI con cubículos pechados e máis camas; a creación dunha nova área de endoscopias no Hospital do Barbanza cun orzamento duns 300.000 euros; e un total de 4 millóns para a licitación da obra de ampliación do Hospital, que contará cun orzamento final de 50 millóns de euros. Ademais, dentro da partida de reformas están consignados 937.000 euros para a reforma conxunta do centro de saúde de Conxo e da unidade de saúde mental contigua; e outros 300.000 para a reforma do centro de saúde de Bertamiráns, no concello de Ames, entre outros investimentos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss