ADOS SALIENTA A SOLIDARIEDADE DO CENTRO DE VIGO DO GRUPO STELLANTIS CON PRETO DE 69.000 DOAZÓNS DE SANGUE ACUMULADAS DESDE O ANO 1995
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 07 2021
 

A terceira campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións do Centro de Vigo do Grupo Stellantis, e que tivo lugar os días 13, 14, 15 e 20 de xullo, concluíu cun excelente resultado de 628 profesionais que doaron sangue e que supón ter acadado unha cifra récord de participación con 68.824 doazóns desde o ano 1995.

No transcurso do presente ano, ADOS ten realizado tres campañas de doazón no Centro de Vigo do Grupo Stellantis, acumulando un total de 2.214 doazóns. Neste sentido, a Axencia quere por en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.

Traxectoria solidaria

Hai 26 anos, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

 

Salientar que grazas a colaboración dos 626 profesionais da empresa viguesa que doaron sangue nesta terceira campaña promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, máis de 313 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 125 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración
ADOS quere por en valor a implicación e compromiso do Centro de Vigo do Grupo Stellantis co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, especialmente ao longo dos últimos meses coincidindo coa pandemia derivada da COVID-19, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, ao longo dos últimos 26 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra próxima ás 69.000 doazóns, que a sitúan como referente social de primeira orde no ámbito do altruísmo.
 
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue, especialmente neste momento no que a coxuntura económica e sanitaria a nivel mundial están afectando notablemento o axeitado desenvolvemento da actividade do tecido empresarial e industrial.
 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss