Esta fin de semana van continuar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o pasado 18 de setembro. Esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir 400 prazas.
O sábado día 25 están convocados os aspirantes a cubrir 286 prazas de facultativo especialista de área das especialidades de anestesioloxía e reanimación, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, farmacia hospitalaria, medicina preventiva e saúde pública, nefroloxía, neuroloxía e psiquiatría. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas.
O domingo día 19, a partir desta mesma hora, están convocados 870 aspirantes das categorías de facultativo especialista de área de cirurxía torácica, microbioloxía e parasitoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, radiofísica hospitalaria, médico asistencial do 061 e técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía, para cubrir 114 prazas. Delas, 63 corresponden a facultativo de área (329 aspirantes), 10 a médico asistencial do 061 (109 aspirantes) e 41 de técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía (432 admitidos).
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas
Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.
Entre outras medidas están a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame; habilitaranse medidas especiais de protección para os aspirantes inmunodeprimidos; embarazadas, etc, e está definido un protocolo de actuación a seguir para o suposto de que algún aspirante, durante a realización das probas, aprecie síntomas compatibles coa covid. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.
As persoas convocadas teñen dispoñible en Fides un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar. A entrada será axilizada co uso de código QR para identificación.
Este protocolo está publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde: OPE-Oferta Pública de Emprego e conta coa aprobación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.