A XUNTA E O CONCELLO DE FRIOL ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA REFORMAR O CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 09 2021

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a concelleira de Cultura do Concello de Friol, Ángeles Buján Burgo, asinaron esta mañá un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. Na sinatura, que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta, estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares Rico.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 24.113 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde desa localidade contarán, a partir do ano que vén, cun centro de saúde mellor e máis confortable, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e aforrar no  consumo.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán na renovación da carpintería exterior, a mellora do acceso ás consultas de pediatría e ampliación da sala de espera, a reparación de revestimentos vinílicos e da pintura, e a substitución das persianas. 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

A Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que se definirán as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud