O 85,5% DAS VACINAS CONTRA A COVID ADMINISTRADAS EN GALICIA APLICÁRONSE NOS GRANDES RECINTOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 10 2021

  
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de visitar o recinto feiral IFECO (Coruña), con motivo da última vacina contra a covid-19 que se aplicará nos grandes recintos de vacinación galegos. Nestes espazos, administráronse o 85,5% das doses recibidas pola Xunta de Galicia, acollendo a vacinación de preto de  dous millóns de persoas.
 
Durante a visita, o titular de Sanidade agradeceu o esforzo e traballo de todo o persoal implicado no plan galego de vacinación, e cuxo labor serviu para inmunizar con gran velocidade a máis de 2.250.000 persoas na nosa comunidade. “Grazas aos equipos de profesionais coma vós , Galicia foi a comunidade que máis rápido vacinou, inxectando o 100% da doses recibidas”, subliñou.
 
Desde o pasado mes de marzo, no que a Xunta de Galicia comezou a vacinar en grandes recintos, estes espazos mantiveron unha grande actividade co obxectivo de inmunizar o máis rápido posible á poboación galega. Así, no caso de recinto feiral coruñés IFECO administráronse 662.013 doses da vacina contra a covid, coas que se inmunizou a un total de 362.759 persoas.
 
Ante a baixada de casos activos que está a rexistrar a comunidade galega, García Comesaña apuntou que nestes intres Galicia atópase “nunha nova etapa”, pero, lembrou que aínda que non rematou á xestión da pandemia, dado que “o virus segue circulando”. Neste senso, animou a acudir a vacinarse ás preto de 150.000 persoas que aínda non o fixeron até o de agora.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss