A XUNTA TEN EN MARCHA PROXECTOS DE MELLORA NOS SETE HOSPITAIS COMARCAIS DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 10 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na súa visita ao Hospital Virxe da Xunqueira, que tres anos despois da reforma da Lei de Saúde de Galicia levada a cabo pola Xunta e coa que se crearon os distritos sanitarios, “todos os hospitais comarcais existentes en Galicia, os sete, atópanse agora mesmo inmersos en proxectos de mellora”.

No transcurso da visita, o máximo responsable sanitario galego anunciou que, nos vindeiros días, a Xunta publicará, na plataforma de contratos de Galicia, a licitación do proxecto de reforma da área de urxencias, para o que se estima un investimento, entre obra e equipamento, de 400.000 euros.
 
Tal e como detallou o conselleiro, as novas urxencias contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. Ademais, as novas dependenciais engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados outros 5 boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Xunto ao anteriormente sinalado, García Comesaña remarcou que incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova de traballo de enfermería.
 
Xunto coa reforma de urxencias, o conselleiro anunciou que o seu departamento porá en marcha neste mes, no Servizo de Oftalmoloxía deste hospital, as consultas de retina médica e os tratamentos intravitreos que afectan á retina. Estará dispoñible todos os martes e os xoves en horario de tarde.
  
En consecuencia, “o Hospital de Cee terá unha unidade de retina que ofrecerá as ferramentas e tratamentos máis avanzados para atender patoloxías como a dexeneración macular asociada á idade; as oclusións venosas na retina ou os edemas musculares diabéticos”. Deste xeito, gañará en autonomía en consultas, probas e tratamentos que ata o de agora obrigaban aos pacientes a acudir ao Hospital da Coruña. Na actualidade, neste distrito hai 250 pacientes pendentes desta consulta ou tratamento destas consultas, co que reduciranse desprazamentos e demoras.
 

Renovación integral

Con esta reforma, a Xunta de Galicia está a culminar a renovación integral da totalidade dos hospitais comarcais galegos e demostra que o Executivo galego cre neles e aposta por aumentar a súa capacidade e os seus medios, como vén de comprobarse hai pouco coa dotación a este hospital dun novo equipo radiocirúrxico, por 90.000 euros.
 
Consolidar a rede de hospitais comarcais non responde a visións localistas, nin fragmentadas, “senón a unha visión de conxunto de mellora da sanidade pública galega”, -remarcou o conselleiro-.
 
As reformas realizadas nos hospitais comarcais abranguen a mellora xa finalizada da eficiencia enerxética do Hospital da Mariña e a segunda fase de reforma e ampliación deste centro; a licitación da nova área de esterilización no Hospital do Salnés; a finalización das obras no hospital de día e reforma da farmacia no de Monforte; as reformas xa en marcha das consultas externas do de Valdeorras así como o próximo comezo das da área de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia deste hospital; as obras que se levarán a cabo da nova unidade de endoscopias no Hospital da Barbanza; e a próxima licitación da ampliación das urxencias no de Verín.
 
Na visita de hoxe, o responsable da sanidade pública galega estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; pola alcaldesa do concello, Margarita Lamela; así como polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde e a directora do distrito sanitario de Cee, Carmen Otero.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss