SANIDADE CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL CUNHA XORNADA NA QUE SE ABORDOU ENTRE OUTROS ASUNTOS O IMPACTO DA PANDEMIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 10 2021
 
A Consellería de Sanidade conmemora o Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra hoxe, e que este ano ten como lema: “Atención de saúde mental para todos: fagámola realidade”. A tal efecto, o  departamento sanitario galego realizou este venres, na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde, unha Xornada de traballo que tivo por titulo: “Intervención Comunitaria en Saúde Mental”.
 

A Consellería de Sanidade subliña que este é un día para recordar que as persoas con problemas de saúde mental precisan dunha abordaxe integral, transversal e que se orientamos os nosos esforzos á recuperación podemos diminuír o sufrimento do seu padecemento nos doentes, nas súas familias e na sociedade.

Entre os temas que se abordaron na xornada, dirixida aos profesionais da sanidade e retransmitida a través da plataforma de teleformación e das redes sociais, estiveron o impacto da pandemia na atención ás persoas con trastorno mental severo; os retos para a empregabilidade destas persoas; así como a prevención do suicidio.
 
Na conferencia de clausura, o profesor Ángel Carracedo falou dun proxecto de medicina personalizada en psiquiatría, que ten como título: “Plan de implementación da farmacoxenética en Psiquiatría”, e que ofrece a determinados pacientes a oportunidade de beneficiarse dun tratamento individualizado, optimizando a súa dose.
 
Na xornada interviñeron, para falar do impacto da pandemia, Xosé Ramón Girón, presidente da Federación de Asociacións de Familiares de Persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES), quen abordou os Programas de ocio activo en pandemia; e María José Novoa, directora técnica da asociación de axuda ao enfermo mental “A Mariña”, quen falou da adaptación dos dispositivos de saúde mental en pandemia por covid.
 
Sobre os retos da empregabilidade das persoas con trastorno mental severo falou na xornada María Seoane, quen explicou o proxecto que ela dirixe denominado “Sementando ilusións”.
 

No que se refire á prevención do suicidio, os relatores na xornada foron, Ana Martínez, directora do centro terapéutico de menores Chavea.-Fundación Lar Pro Saúde Mental, focalizando a súa intervención na prevención da conducta suicida en menores do Sistema de Protección Programa VI-da, vixiantes en axuda; e o doutor Gerardo Flórez, quen falou dun protocolo piloto desenvolto na Unidade de Conductas Adictivas de Ourense, dirixido a reducir a incidencia e prevalencia da conducta suicida mediante a detección precoz en pacientes a seguimento. Así mesmo, Olalla Villaronga, psicóloga social da Asociación Andaina pro saúde mental, falou da mellora da detección de risco de suicidio na comunidade rural.

Posteriormente, no turno de conclusións, interveu a xefa do servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes Alonso.
 
Recursos do sistema sanitario e grao de implantación do Plan de Saúde Mental
Galicia conta con 50 unidades de saúde mental ambulatorias distribuidas polo territorio; son o dispositivo básico a través do que se coordina a atención nos diferentes recursos: atención primaria, equipos de atención no fogar, atención nas contornas sociosanitarias, e hospitalización. Ademais, existen recursos complementarios de apoio como pisos protexidos, centros de rehabilitación psicosocial e laboral e unidades residenciais, aos que se pode acceder por derivación do equipo asistencial, e cuxo obxectivo e prestar apoio ás persoas con trastorno mental máis severo, posibilitando a súa pemanencia na comunidade.
 
Adicionalmente, estanse a desenvolver novos programas, centrados na axuda a persoas que residen no rural, no fomento do emprego e de respiro aos coidadores informais.
 
En Galicia aprobouse, en xuño de 2020, o Plan de Saúde Mental Poscovid, cun presuposto de 83 millóns de euros para o periodo 2020-2024, e que inclúe a incorporación de 241 profesionais ao longo da súa vixencia. A Xunta xa ten incorporados a 95 dos 120 previstos nos dous primeiros anos do Plan, o que supón preto do 80%. Destes especialistas, ao longo do ano 2021, téñense incorporado 31 psicólogos clínicos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais e 17 son persoal da enfermería de saúde mental.
 
Grazas a este Plan do Executivo galego, foi posible reforzar equipos preexistentes, e incrementar progresivamente recursos, tales como a constitución de novas unidades de saúde mental (Tui, Oleiros, Ordes), a creación de tres hospitais de día de psiquiatría infanto-xuvenil (Vigo, A Coruña e Santiago); a posta en marcha de programas de psicoloxía clínica en atención primaria; e, ademais, o desenvolvemento do Plan de apoio psicosocial aos profesionais da sanidade.
 
Tamén a Xunta destinou ao redor de 425.000 euros para financiar os recursos necesarios (informáticos, mobiliarios) para o funcionamento de novos programas neste ámbito.
 

Ademais da dotación de persoal e de equipamento, no mes de xuño a Xunta convocou as  axudas ás entidades sociais do sector, destinadas á realización de programas de carácter sociosanitario no eido dos trastornos mentais, e que alcanzan un importe total de 860.000 euros.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss