SANIDADE TRATARÁ COS SINDICATOS AS NOVAS PRAZAS E MEDIDAS EN ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 10 2021

A Xunta de Galicia está a rematar o complexo traballo de elaboración do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2022. Ao respecto desta elaboración, a Consellería de Sanidade xa ten previsto celebrar, proximamente, unha reunión ordinaria da Mesa Sectorial, na que, entre outros temas, se aborden diversos asuntos moi relevantes relacionados con ese proxecto de orzamentos, como é a dotación de prazas nos dous niveis asistenciais (atención primaria e hospitalaria), medidas normativas, etc, quedando a data de celebración da reunión a que o proxecto sexa aprobado polo Consello da Xunta.

Todas as organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT) veñen de pedir por escrito unha reunión da mesa sectorial para abordar a posible elaboración e negociación dun plan de ordenación de Recursos Humanos de atención primaria, e para recibir información detallada sobre a dotación de prazas nese nivel asistencial.  Ao respecto, a Consellería de Sanidade sinala a súa intención de que  eses asuntos sexan incorporados na orde do día desa próxima reunión da Mesa Sectorial.

Xunto ao anteriormente sinalado, o departamento sanitario galego ten convocado, para o vindeiro 28 de outubro, unha nova reunión do Consello Técnico de Atención Primaria, órgano colexiado creado a partir do documento do Plan Galego de Atención Primaria 2019-21, con carácter permanente, co obxectivo de realizar asesoramento en aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria.

Cómpre remarcar que as reformas previstas e prometidas para atención primaria polo Goberno galego estanse a poñer en marcha tal e como se anunciaron, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. Trátase dun modelo que permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles, reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen aínda máis a relación coa atención hospitalaria.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss