UNHA UNIDADE MÓBIL DE ADOS ACOLLE A DOAZÓN DO REITOR DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA E CONVIDA AOS ESTUDANTES A PARTICIPAR ACTIVAMENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 10 2021

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, acudiu esta mañá a doar sangue á unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visitou  o Campus de Oza, acto no que estivo acompañado pola directora de ADOS, Marisa López García.

Durante o pasado curso académico, as campañas desenvolvidas nas tres universidades galegas rexistraron 3.913 doazóns de sangue. No presente curso académico, ADOS en colaboración coas universidades galegas, impulsa o #reto5000, co obxectivo de acadar 5.000 doazóns de sangue no transcurso das dúas fases da campaña e achegarse ao nivel de participación que existía antes da pandemia.
 
A recuperación da participación xa se iniciou o pasado curso en todos os campus universitarios, e neste sentido, destacar o campus de Ferrol que superou as cifras previas á pandemia. ADOS quere amosar o seu agradecemento aos responsables académicos, profesorado, alumnado e persoal que traballa nas tres universidades galegas, polo seu esforzo e implicación coa doazón de sangue.
 
Xenerosidade dos estudantes galegos
ADOS e a UDC teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ambas institucións queren impulsar e poñer en valor. Por este motivo, promoven campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a UDC con periodicidade anual, artelladas en dúas fases: a primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda de febreiro a abril. 
 
ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de datos de doantes de sangue en Galicia, co obxectivo de poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade. Deste xeito, ADOS e a UDC establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.
 
Estamos seguros de que, grazas á colaboración de toda a comunidade universitaria,  lograremos alcanzar as 5.000 doazóns.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss