UN TOTAL DE SEIS EMPRESAS PRESENTAN OFERTAS PARA A CONTRATACIÓN DA REDACCIÓN DO PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE ABEGONDO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 10 2021

 
Un total de seis empresas veñen de presentar ofertas para a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde de Abegondo, co que o Sergas dará resposta ás actuais necesidades asistenciais deste concello.
 
O proxecto, no que terá un papel protagonista o uso sustentable da madeira, permitirá gañar en funcionalidade e nunha mellor atención e asistencia aos pacientes, dotando ao persoal de mellores instalacións e medios.
 
Esta nova instalación da rede sanitaria pública galega contará, entre outras dependencias, cunha segunda sala de enfermería separada da de mostras; unha sala de educación maternal; unha de técnicas e unha sala polivalente para poder realizar a cirurxía menor, así como sala de xuntas e biblioteca. En total, actuarase nunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados.
 
Con esta nova instalación sanitaria, a Consellería de Sanidade continúa coa renovación  integral da atención primaria e faino de xeito respectuoso co medio ambiente. Ao respecto, a Consellería de Sanidade, a través do Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e do persoal sanitario.

 

A Xunta continúa, pois, na súa aposta pola transformación da atención primaria, como o demostra que, na última década, entre as obras xa rematadas e as que están en marcha, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns na mellora das infraestruturas deste nivel asistencial.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss