SANIDADE AVANZA NA RENOVACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS DE ATENCIÓN PRIMARIA COA SINATURA DUN CONVENIO QUE REFORMARÁ O CENTRO DE SAÚDE DE CASTRELO DE MIÑO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 10 2021

 

 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Castrelo de Miño,  Avelino Pazos Pérez, veñen de asinar un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade ourensá. No acto, estiveron acompañados pola Directora Xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.
 
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 14.464,92 euros. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do Delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para poder asinar este convenio co tempo suficiente para que se poida licitar e executarse a obra en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Castrelo do Miño contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
 
As obras, consistirán na reparación de persianas e estores interiores das xanelas, a substitución de peches das carpinterías de aluminio danadas, o pintado de parámetros verticais e horizontais, así como das portas interiores dos caixóns de persianas, a fachada exterior, o peche frontal e a substitución e mellora da iluminación de entrada ao centro.
 
Renovación de infraestruturas de atención primaria
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia. 
 
Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse os centros de saúde da Rúa, Gomesende, O Bolo, Amoeiro, Muíños, Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios e Cenlle.  Ademais, xa está licitada a redacción do proxecto construtivo para o novo centro integral de saúde de Ourense, así como a licitación das obras de reforma dos centro de saúde de Arnoia e do de Ribadavia.
 
Durante o presente ano 2021, o executivo galego tamén asinou o convenio para o novo centro de saúde de A Rúa, e os convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Baltar, Maside e Castro Caldelas.
 
Engadido ao anterior, a Xunta ten intención de continuar coa renovación integral da atención primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que se definirán as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa neste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou  unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
 
Para todo isto é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Así, existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde o 2009 asumiu máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde o ano 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud