SANIDADE ABORDA NA REUNIÓN DO CONSELLO TÉCNICO DE ATENCIÓN PRIMARIA O NOVO PROXECTO DE ATENCIÓN DA DEMANDA (XIDE), A INSTRUCCIÓN TAO E AS AXENDAS DE CALIDADE DE ENFERMARÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 10 2021

 
A Consellería de Sanidade vén de acoller a oitava reunión do Consello Técnico de Atención Primaria durante o ano 2021, na que se trasladaron importantes avances que contribuirán a reorganización deste nivel asistencial.
 
Durante esta xuntanza, na que estiveron presentes a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo; o xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña; a vicexerente do Sergas, Mercedes Castro; e a subdirectora de atención primaria, Sinda Blanco; abordáronse algúns dos puntos claves que contribuirán a optimizar o nivel asistencial máis próximo á cidadanía.
 
Entre os asuntos abordados destacaron a nova instrución TAO, o avance nas axendas de calidade de Enfermaría, e o comezo da pilotaxe do Sistema Integral de Clasificación da Demanda en Equipo (XIDE). Sobre este último proxecto, Sanidade remarca que a súa posta en marcha non invadirá as competencias dos facultativos, tal e como recolle o plan “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”,que se presentou ao Consello Técnico de atención primaria.
 
Esta medida da resposta a unha reivindicación que o persoal médico de atención primaria leva tempo solicitando, ao ser un sistema que contribuirá a clasificar a demanda. Deste xeito, as preguntas que se lle trasladan aos pacientes permitirán encamiñalos ao profesional sanitario máis axeitado. Con todo, o paciente sempre terá a posibilidade de non responder ás preguntas e ser trasladado directamente até o seu médico.
 
O procedemento é moi similar ao que implementa na actualidade o 061. Así, as persoas que atenden as chamadas de cidadás no 061 dispoñen dun cuestionario pechado confeccionado por profesionais que, a partir da respostas achegadas permite decidir que recurso mobilizar.
 
Por outra banda, os orzamentos destinados á atención primaria para o ano 2022 representan máis  do 30% dos orzamentos do Sergas. A nova categoría de médico de especialista en medicina familiar e comunitaria e o seu encaixe no sistema, así como os novos protocolos e plan ocuparon boa parte das tres horas que durou reunión. Coa nova categoría, o departamento sanitario da Xunta de Galicia busca dar unha solución inmediata ao déficit de médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria que se producirá os vindeiros anos, e que será común a todo o territorio español.
 
No que atinxe ás axendas de calidade de enfermería, foron trasladadas ao Consello, dándolle entidade propia e contido coordinado a todas as axendas dos centros de saúde. Con espazos de 5 horas con diferente contido, reservando tamén tempo para as funcións de titoría. Así, dándolle continuidade ás axendas de calidade do persoal médico, tratadas ates do pasado verán, e que xa están operativas na atención primaria, permitindo unha maior presencialidade, ademais de achegar criterios comúns nas axendas do persoal facultativo de atención primaria.
 
Outros do asuntos tratados foi a dotación de novas prazas para o Servizo Galego de Saúde, o anuncio do anteproxecto de Decreto polo que se crea a categoría estatutaria de dietista-nutricionista, e tamén un conxunto de medidas encamiñadas a organizar de forma máis eficiente o traballo dos profesionais da atención primaria, e entre os que se atopa a nova instrución sobre o procedemento de descentralización del tratamento anticoagulante oral (TAO).
 
A Consellería comprometeuse a negociar na Mesa sectorial un novo plan de ordenación de atención primaria  e a pechar trala sua revisión e aprobación as carteiras de servizos de diversas categorías como son as de médicos, enfermaría, PSX, persoal farmaceúticos e traballadores sociais.
 
A Xerencia do Servizo Galego de Saúde recoñece a labor de todos os colectivos e a necesidade de mellorar a comunicación co persoal , principalmente entre o colectivo de persoal administrativo e de xestión co persoal asistencial, polo que tomará tamén medidas que impulsen a coordinación.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss