A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA SÚMASE Á CELEBRACIÓN INTERNACIONAL DO DÍA DA RADIOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 11 2021

Santiago, 8 de novembro de 2021.- Hoxe, 8 de Novembro celébrase o Día Internacional da Radioloxía e a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza súmase a esta efeméride co obxectivo de crear unha maior conciencia sobre a Radioloxía e o papel vital e transversal que desempeñan os Servizos de Radioloxía na atención ao paciente.

 

 
Este ano, no 2021, o día Internacional da Radioloxía está dedicado á Radioloxía Intervencionista e o seu papel esencial no tratamento de pacientes. Os radiólogos intervencionistas son médicos especialistas en Radiodiagnóstico que se teñen subespecializado nunha rama que realiza diagnósticos complexos e tratamentos minimamente invasivos guiados por técnicas de imaxe para unha gran variedade de enfermidades: tumores, tromboses, hemorraxias, dor e moitas enfermidades máis. É unha subespecialidade relativamente nova en rápido crecemento e en constante desenvolvemento con vocación multidisciplinar e cunha constante interrelación con outras especialidades, que ao tradicional papel do diagnóstico, engádelle unha vertente terapéutica pouco invasiva, habitualmente realizada con anestesia local.
 
Unha vantaxe fundamental radica en que son procedementos menos agresivos e con baixa morbimortalidade, aplicable a pacientes pluripatolóxicos nos que outras técnicas non se poderían aplicar e permitindo unha rápida recuperación cunha menor estancia hospitalaria. Ademais a Radioloxía Intervencionista é mais eficiente e xoga un papel fundamental na medicina moderna. Practicamente todos os pacientes e todas as especialidades poden beneficiarse da carteira de procedementos que podemos realizar na nosa área sanitaria, así por exemplo dáse servizo a pacientes de Oncoloxía Médica, Nefroloxía, Hematoloxía, Urxencias, Unidade de transplante abdominal, Dixestivo, Cirurxía Xeral, Traumatoloxía / Reumatoloxía / Rehabilitación, Xinecoloxía / Obstetricia, Medicina Interna, Endocrinoloxía, Uroloxía, Pneumoloxía, Cirurxía Vascular e Pediatría, entre outros.
 
Os procedementos diagnósticos e terapéuticos intervencionistas están en constante expansión e solucionan problemas aos pacientes en practicamente a totalidade das especialidades médicas. Así, nos Servizos de Radiodiagnóstico, o conxunto dos radiólogos cada un da súa área de subespecialización, dedica parte da súa práctica clínica a procedementos intervencionistas tanto diagnósticos como terapéuticos, polo que en maior ou menor proporción forman parte da carteira de Servizos nas Seccións de Neurorradiología, Tórax, Musculo-esquelético, Mama, Urxencias, Radioloxía Infantil e Abdome- pelve.
 
Nesta especialidade úsase tecnoloxía médica avanzada, que favorece os procedementos intervencionistas que necesitan unha guía de imaxe de primeiro nivel para desprazar materiais a través do corpo, catéteres, guías, materiais de embolización, agullas de punción, sistemas de ablación, etc., de forma minimamente invasiva, iso fai que debamos manternos actualizados constantemente e que as expectativas de diagnóstico e tratamento para os pacientes sexan cada vez máis amplas, engadindo valor aos procedementos radiolóxicos no enfoque global do paciente.
 
Sen ningunha dúbida, o Día Internacional da Radioloxía é un día singular para celebrar. É unha data importante para o recoñecemento do gran desempeño de todos os profesionais dedicados a este campo tan importante da Medicina.
 
Conmemoración desde o ano 2012
Desde o ano 2012 conmemórase este día grazas á iniciativa da Sociedade Europea de Radioloxía (ESR), a Sociedade de Radioloxía de América do Norte (RSNA) e o Colexio Estadounidense de Radioloxía (ACR) Elixiuse este día con motivo do aniversario do descubrimento dos raios X en 1895 polo científico Wilhelm Conrad Roentgen, quen o 8 de novembro dese ano descubriu a radiación ionizante durante un experimento, á que nomeou como “raios X”.
 

 

A evolución desde aquel momento foi moi rápida nesta área de coñecemento e o noso país foi un dos primeiros en incorporarse ao uso desta nova fonte de coñecemento. O 10 de febreiro de 1896 realizouse a primeira conferencia en España titulada “As radiacións de Roentgen, que son e para que serven”.

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss