A ÁREA COMPOSTELÁ SÚMASE AO DÍA DA DIABETES, CENTRADO NESTE 2021 NO ACCESO AO SEU COIDADO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2021

Santiago, 17 de novembro 2021- Cada 14 de novembro celébrase o Día Mundial da Diabetes, a campaña de concienciación sobre esta patoloxía máis importante a nivel mundial, instaurada pola Federación Internacional de Diabetes e a Organización Mundial da Saúde en 1991. Trátase dunha oportunidade para dar a coñecer as causas, os síntomas, o tratamento e as posibles complicacións e crear conciencia sobre o impacto da diabetes na saúde das persoas.


Esta iniciativa ten un especial interese tendo en conta a elevada prevaleza desta enfermidade. Así, en España hai máis de tres millóns de adultos entre 20 e 79 anos con diabetes, sendo a diabetes mellitus tipo 2 a responsable de máis do 90 por cento dos casos. É a primeira causa de cegueira, de diálise ou transplante renal e de amputación non traumática nos países occidentais, así como un importante factor de risco cardiovascular.

Cada ano a celebración deste día propón un obxectivo diferente, sendo o de 2021: O acceso ao coidado da diabetes: se non agora, cando?. Con esta proposta preténdese chamar a atención sobre a necesidade de manter e mellorar o acceso aos servizos de saúde dos pacientes con diabetes, para conseguir un bo control metabólico, melloría na súa calidade de vida e previr as complicacións da enfermidade. “Este tema cobra especial relevancia no contexto da pandemia pola COVID-19, durante a cal o control das enfermidades crónicas como a diabetes viuse claramente afectado”, subliña o xefe do Servizo Miguel Angel Martínez Olmos, xa que “tanto as restricións na asistencia sanitaria, como o medo ao contaxio favoreceron que moitos pacientes abandonasen o seguimento da súa enfermidade, co risco que isto supón”- engade.

Por outra banda, a diabetes é unha patoloxía previble e o control nas fases iniciais é clave, polo que é importante un seguimento adecuado desde o inicio, aspecto que non foi favorecido pola situación de pandemia. Toda esta problemática recolleuse nun documento elaborado pola Fundación redGDPS, a Sociedade Española de Diabetes (SEDE) e a Federación Española de Diabetes, que pretende ser unha chamada á acción para retomar o coidado da diabetes no noso país.

Segundo datos do servizo de Endocrinoloxía do CHUS, obtidos na campaña do día da diabetes 2019, moitos pacientes sen diabetes actual están en risco de desenvolvela e deben tomar medidas de estilo de vida preventivas. En concreto, nunha mostra de 302 voluntarios que realizaron un test que estima o risco de desenvolvemento de diabetes tipo 2, dous terzos presentaron un risco aumentado de desenvolvela, sendo este risco alto ou moi alto nun 13,2% deles. Esta actuación permitiu realizar educación para a prevención da diabetes en todas as persoas con risco aumentado e derivar para realizar probas estruturadas de diagnóstico aos de risco alto ou moi alto. Este ano, desde do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, “queremos aproveitar a iniciativa do Día Mundial da Diabetes para concienciar a profesionais, pacientes e administracións da necesidade de retomar o seguimento estreito dos pacientes con diabetes e aqueles en risco de desenvolvela” destaca Martínez Olmos.

Así, esta mañá se instalou un punto informativo no patio da entrada principal do Hospital Clínico atendido por persoal médico e de enfermería de Endocrinoloxía e Nutrición onde se ofrece información sobre prevención e control de diabetes, hábitos de vida saudable e cálculo do risco individual de padecer diabetes, que está accesible para pacientes ambulatorios, familiares e tamén para persoal hospitalario. Tamén hoxe entrégase un tríptico na bandexa da comida aos pacientes hospitalizados con diabetes con información sobre como asegurar un bo control da súa patoloxía e evitar complicacións. Dita información tamén se proxectará nas pantallas de consultas externas.

Finalmente, outra das actividades é a realización dunha enquisa que se enviará ás asociacións de pacientes, para coñecer de primeira man cales foron as dificultades ás que se enfrontaron durante estes meses no acceso á atención da súa patoloxía, que consecuencias negativas sufriron, que necesidades non cubertas priorizan respecto á atención da diabetes e que accións pode emprender o servizo para mellorar a súa situación.




Saúdos,
Gabinete de comunicación e imaxe

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss